Adxudicadas as obras dos dous novos colectores de Ponteareas por 4,7 millóns de euros

A nova depuradora de Ponteareas, a un paso de ser realidade

Estes traballos súmanse aos de mellora da depuradora da Moscadeira, que teñen previsto o seu inicio este verán

O Consello de Administración de Aguas de las Cuencas de Galicia, ACUAES, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, vén de autorizar a adxudicación por 4,7 millóns de euros o contrato de execución das obras de construción de dous novos colectores e de rehabilitación dun tramo do Colector Interceptor do río Xinzo co obxectivo de reducir as infiltracións e propiciar a captación e separación de augas brancas.

As obras, que terán un prazo de execución de 19 meses, forman parte do proxecto posto en marcha co obxectivo de atallar as deficiencias nos sistemas de depuración e saneamento de Ponteareas, que non ten a capacidade necesaria para atender á demanda poboacional.

Esta adxudicación permitirá a execución das obras de dous colectores perimetrais do núcleo urbano de Ponteareas, o Colector Perimetral Norte e o Colector Perimetral Sur, así como a limpeza e rehabilitación do último tramo do Colector Interceptor do Río Xinzo, incorporando un novo pozo de bombeo ata a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).

Xunto con esta actuación nos colectores xerais, xa se está a traballar na mellora da depuradora da Moscadeira, obras que foron xa adxudicadas por 8 millóns de euros e que teñen previsto o seu inicio este verán. As actuacións que se levarán a cabo beneficiarán a unha poboación de 20.000 habitantes.

Todas estas actuacións nos colectores e na propia depuradora suporán un investimento de ata 14,1 millóns de euros. As obras están cofinanciadas ao 50% polo Estado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE); ao 30% polo Concello de Ponteareas e ao 20% pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.