Vinte empresas participaron no proceso de licitación dunhas obras que dará lugar ao primeiro camiño escolar seguro da vila
Suporá un investimento de case 731.000 euros financiados a través do ReacPon e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
A transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas está a piques de comezar. O Concello de Ponteareas adxudicou a execución das obras tras un proceso de licitación con grande acollida por parte das empresas, xa que unha vintena de entidades presentaron as súas propostas.
As obras, que serán levadas a cabo por Oresa Construcción y Servicios Globales, contarán cun prazo de execución de 8 meses e suporán un investimento de case 731.000 euros financiados a través do plan ReacPon e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Os traballos abranguerán algo máis dun quilómetro, permitirán crear o primeiro espazo escolar seguro da vila ata o CEIP Ramiro Sabell e triplicarán o espazo para a veciñanza apostando pola mobilidade segura e sostíbel. “Estamos cada vez máis cerca de que este proxecto sexa unha realidade e de que máis de 1.500 rapazas e rapaces poidan moverse con liberdade e autonomía, a pé ou en bici, nun hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.
Será unha transformación que permitirá conectar a pé o centro urbano con parroquias como Fontenla e Arcos. Ademais, intervirase no tramo da rúa Nardos entre Xoán Trobador e o Paseo Matutino, así como nesta última rúa entre a saída de Nardos e a entrada a Feliciano Barrera, onde se atopan os institutos Val do Tea e Pedra da Auga. Tamén suporá a recuperación para as persoas do tramo situado entre a Avenida de Galicia e a rúa Camelias, un treito de 200 metros que actualmente a través de beirarrúas moi estreitas conecta a Casa do Concello co Parque Ferro Ucha. Complementarase co acondicionamento dun tramo da rúa Nardos, a carón do parque Ferro Ucha, unindo a estrada de Guillade co Paseo Matutino. Nesta actuación plantaranse preto de 200 árbores.
Por outra banda, o Concello tamén vén de adxudicar a redacción dos proxectos de mobilidade amábel e recuperación dos espazos públicos ao abeiro da Rede Ágora, que suporá un investimento de máis de 42.000 euros financiados ao 90% pola Deputación de Pontevedra.
Seis empresas participaron no proceso de licitación destes proxectos, cuxa redacción foi adxudicada a Galaicontrol SL e que atinxirán ás rúas Constitución, Concha Brey, Senén Canido, Virxe dos Remedios, Reveriano Soutullo, Vidales Tomé e Morales Hidalgo. O obxectivo desta intervención é recuperar espazos para as persoas, potenciando a mobilidade peonil e en bicicleta, eliminando o tráfico de paso e axitación, reducindo a contaminación e poñendo en valor o patrimonio arquitectónico da contorna, entre outros.