
ACUAES autorizou este xoves a súa adxudicación por 8 millóns de euros
O prazo previsto é de 30 meses, que inclúe 5 meses para o proxecto construtivo, 19 para a obra e 6 meses para a súa posta en funcionamento
Ponteareas continúa avanzando na ampliación e reforma da súa depuradora. O consello de administración de Aguas de las Cuencas del Estado, ACUAES, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, adxudicou este xoves por 8 millóns de euros o contrato para a redacción do proxecto, execución e posta en marcha das obras de mellora da estación depuradora da Moscadeira. Entre as catro ofertas presentadas, ACUAES seleccionou finalmente á UTE Pesa Medioambiente S.A. – S.A. de obras y servicios, COPASA.
A partir de agora o prazo previsto para que Ponteareas conte coa nova depuradora é de 30 meses, xa que inclúe cinco meses para a redacción do proxecto construtivo, 19 meses para a execución de obra e outros 6 meses para a posta en marcha das instalacións.
O Concello amosa a súa satisfacción por este novo paso para que Ponteareas dispoña dunhas instalacións que, como explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, son “imprescindíbeis para solucionar dous grandes problemas históricos da nosa vila, como é a falta de saneamento no rural ou a contaminación do río Tea”.
A actuación, que foi declarada de interese xeral do Estado e beneficiará a unha poboación de 20.000 habitantes equivalentes, ten por obxectivo aumentar a capacidade da actual EDAR da Moscadeira, mellorar a calidade das verteduras que se producen ao río Tea sen o correcto tratamento e mellorar o saneamento do municipio coa construción de dous colectores e a limpeza do último tramo do Colector Interceptor do Río Xinzo, xa construído.
Tras a adxudicación levaranse a cabo os traballos de rehabilitación e ampliación da obra de chegada e pretratamento; ampliación da capacidade de tratamento do reactor biolóxico; execución dun novo decantador secundario; a adaptación da liña de auga ao novo caudal previsto con canle de desinfección final con raios ultravioleta e un novo centro de transformación de 630 KV.
Cun investimento total de 14,1 millóns na depuradora e os colectores, segundo recolle o convenio entre Concello, ACUAES e Xunta de Galicia, este proxecto suporá “o maior investimento feito nun equipamento municipal tras varios anos de conversas e xestións que remataron nun exemplo de colaboración e entendemento entre institucións polo ben de Ponteareas e da súa veciñanza”. En canto aos colectores, o proxecto está redactado e en trámite de aprobación, agardándose que poidan ser licitados a finais de 2022 ou inicios de 2023.
As obras están cofinanciadas ao 50% polo Estado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE); ao 30% polo Concello de Ponteareas e ao 20% pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.