Adxudicada a obra de ampliación e mellora do vial público na Duca

A concellería de Vías e Obras, que dirixe Chus Garrote, informa que se ven de adxudicar por 128.109,04€ o proxecto de ampliación e mellora do vial público na Duca, parroquia de Santiago de Oliveira.

Con esta nova adxudicación o goberno de Ponteareas pretende dotar dunha axeitada accesibilidade á zona de actuación posto que o camiño existente na actualidade apenas permite o paso dun vehículo lixeiro non sendo suficiente para o acceso, por exemplo, de vehículos de emerxencias.

Actualmente o camiño carece de pavimentación e conta con larguras inferiores a 2,5 m nalgúns puntos o que complica enormemente o paso diario de turismos dos veciños que queren acceder as súas casas ademais de imposibilitar o acceso de vehículos de emerxencia.

Esta obra supón, ademais, responder á demanda veciñal que dende o ano 2008 reclama que se remate o vial.

Antes do inicio da obra, o Concello de Ponteareas estudará co contratista e coas compañías prestatarias dos servizos urbanos, os cortes de subministración que se teñan que producir para que respondan a un criterio axeitado e, en todo caso, minimicen o prazo de afección.

Con estas obras dotarase o camiño dun novo pavimento mediante o estendido dunha capa de rodaxe de mesturas bituminosas en quente, ensancharase para facilitar o paso de todo tipo de vehículos e reporánse os subministros que se vexan afectados polas obras así como os muros e peches.