Actividades do “Mes de Maio, Mes das Letras”

Q55A3224O alcalde do Concello de Ponteareas, Salvador González Solla, xunto co concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, presentaron as actividades e campañas dirixidas ao fomento do uso de galego entre a sociedade, no que se deu en chamar  “Mes de Maio, Mes das Letras”.

Estas actividades e campañas están dirixidas a toda a poboación, desde os máis cativos, con actividades lúdicas e de fomento da lectura en galego, con contacontos nos que se pretende que os nenos e nenas interaccionen entre eles en galego e tamén dirixidas ao sector xuvenil, mediante concertos de poemas galegos, e para a sociedade en xeral, achegándose á vida e obra do escritor homenaxeado este ano, Xosé María Díaz Castro, a través dun recital poético- musical dos poemas do autor .

Este xoves, día 8 de maio, os nenos e nenas de Ponteareas poderán gozar dun espectáculo de contacontos titulado “contos do revés”, dirixido a nenos de 5 anos en diante e que terá lugar ás 18 horas na Biblioteca Pública Municipal.

 

A semana grande será a semana das Letras Galegas, na que o día 13 de maio os destinatarios serán os asistentes aos talleres de adultos, dentro do centro Asprodico. Ao día seguinte, 14 de maio, os escolares de Ensino Secundario serán os protagonistas, asistindo ao concerto sobre poemas galegos, a cargo de Tino Baz.

 

O día 16 de maio, ás 20:30 horas, o salón de sesións do Concello de Ponteareas, será o escenario do recital poético- musical sobre poemas do homenaxeado Xosé María Díaz Castro, titulado “Nimbos”, a cargo do grupo Ouriol.

O Día das Letras Galegas as actividades comezarán ás 17:30 h, co espectáculo de maxia “Ledicias”,espectáculo dirixido ao público familiar. A continuación, ás 19:00 h, pasacalles e actuación do Grupo folclórico e pandeireteiras A Pedra da Garza, de Fozara. Para finalizar o día, ás 20:30 h o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá o concerto “Cantos Galegos”, a cargo do Obradoiro Vocal A Vila, Coro “Cantemos Xuvenil” e “Voces do Arrieiro”. Este concerto será un concerto solidario a favor do Centro de Reparto de Alimentos de Ponteareas. Toda persoa que o desexe pode levar produtos de primeira necesidade e produtos de aseo.

O día 22 de maio, os nenos serán novamente os protagonistas cun obradoiro de contos  “Contando con imaxes”, dirixido a nenos e nenas maiores de cinco anos. Esta actividade terá lugar na Biblioteca Pública Municipal, ás 18 horas.

As actividades do mes de maio rematarán o día 30 de maio, ás 20 horas, na Biblioteca Pública Municipal, cun “Encontro de escritores en lingua galega de temática ponteareá, baixo o lema: “importancia de difundir o local”.