Actividades lúdicas durante a Semana Santa na Biblioteca Municipal  e nas bibliotecas das Casas Culturais de Ponteareas

Durante a Semana Santa a Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas e as bibliotecas das casas culturais de Cristiñade, Moreira, Guláns, Guillade e Xinzo serán o escenario dunha serie de actividades lúdicas gratuítas dirixidas aos nenos e nenas, que terán como temática a Semana Santa. Dentro destas actividades, cómpre destacar xogos como “ A busca do ovo de Pascua”, obradoiros diversos así actividades relacionadas coa animación á lectura. Así mesmo, os nenos descubrirán como a través do material de refugallo e de materiais naturais poden construír elementos e xoguetes cos que divertirse.

Os horarios das actividades son os seguintes: día 14, das 10 ás 13 horas, en Cristiñade e, das 17 ás 19 horas en Moreira. O martes día 15, a Biblioteca Municipal de Ponteareas  acollerá estas actividades desde as 11 ata as  13 horas e en Guillade levaranse a cabo desde as 16:30 ás 18:30 horas. O mércores, día 16, o escenario destas actividades será Xinzo, das 11 ás 13 horas, e  Guláns,das 17 ás 19 horas.

O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, quere animar a todos os nenos e nenas de Ponteareas a que se acheguen ata estas bibliotecas para gozar dos xogos programados e das actividades pensadas para os máis cativos nesta época de vacacións.