Aberto o prazo para presentar propostas de cursos de formación e tempo de lecer

A Concelleira de Cultura do Concello de Ponteareas que dirixe a nacionalista Hortensia Bautista abre o prazo de presentación para os monitores que queiran optar a ofrecer cursos de formación nas distintas parroquias. 

Ata o vindeiro 20 de abril os e as interesadas en impartir cursos nos centros culturais poderán aportar os seus curriculums acompañados do título do curso, contidos, público ao que vai dirixido e unha programación do desenvolvemento do curso. 

No ano pasado ofertáronse cursos de música, expresión dramática, patchwort, taller de memoria, micoloxía, aproveitamento do monte, receitas culinarias, móbil intelixente, dietética e nutrición, pintura, informática, cestería… O concello valorará ademais destas temáticas outras como a estampación textil, arte floral, papiroflexia, risoterapia, medio ambiente, fotografía… 

O Concello de Ponteareas estudará as propostas para ofrecer un abano amplo de cursos de formación e tempo libre para a veciñanza.