Aberto o prazo para solicitar as subvencións para agrupacións e clubs deportivos de Ponteareas

Cun orzamento de 50.000 euros, este ano as bases recollen como novidade a valoración da participación dos equipos en competicións oficiais durante a pandemia

 

Xa está aberto o prazo para tramitar as subvencións para agrupacións e clubes deportivos sen ánimo de lucro que cada ano concede o Concello de Ponteareas. As entidades interesadas poderán presentar a documentación solicitada durante 10 días naturais a contar dende este mesmo xoves 9 de decembro. “Con esta convocatoria pública en concorrencia competitiva buscamos apoiar aos distintos clubs deportivos federado da vila, garantindo os principios de equidade e transparencia e potenciando o deporte, a creación de canteiras deportivas e formas de ocio alternativo”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

 

Cun orzamento de 50.000 euros, o Goberno municipal convoca de forma anual estas subvencións, incrementando ademais nos últimos anos a dotación orzamentaria para dar un maior pulo á práctica deportiva. Entre as novidades deste edición está a incorporación ás bases dun novo criterio puntuable para os clubs que participaron en competicións oficiais durante a crise sanitaria da COVID-19, que “nos permite poñer en valor o esforzo que fixeron moitas entidades durante a pandemia para continuar co deporte nunha época tan complicada, contribuíndo así ao benestar físico, mental e emocional dos ponteareáns e ponteareás”. “O deporte é un elemento fundamental na formación integral e na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza e favorece a cohesión social, para a que é fundamental a actividade que desenvolven as nosas asociacións e clubs deportivos”, recalca o edil.

 

Ademais, entre outros aspectos, tamén destaca a importancia que se lle dá nas bases á promoción do deporte feminino ou á cláusula social pola que as entidades deportivas con deporte base que concorran a estas subvencións se comprometen a reservar o 20% das prazas por clase gratuítas para menores de 16 anos con proxenitores parados de longa duración, fillos de mulleres incluídas en programas de acollemento por violencia de xénero ou procedentes de situacións de risco social.

 

Tamén se terá en conta o nivel de competición regular do equipo, o número de licencias federativas, a participación en campionatos nacionais ou internacionais, o número de licencias de menores de 18 anos participantes en competicións de categoría base, os gastos derivados do mantemento das instalacións ou da adquisición de material, os gastos por persoal laboral ou adestradores e adestradoras e a antigüidade da entidade, entre outros.