Aberto o prazo para presentar as propostas para o Plan de Mobilidade Sustentable e Accesibilidade

O concello de Ponteareas informa que abre o prazo para presentar as propostas para a redacción do Plan de Mobilidade Sustentable e Accesibilidade nos espazos públicos do concello . O orzamento base de licitación, IVE incluído, é de 32.000 € e o prazo remata o vindeiro 22 de agosto. As propostas deberán ser presentadas por rexistro de entrada ata as 13 horas.

O Plan de Mobilidade de Ponteareas deberá recoller as actuacións a curto, medio e longo prazo destinadas a implementar formas de desprazamento máis sustentable dentro do termo municipal de Ponteareas, así como a revisión e actualización da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas en espazos e edificios municipais. A súa vez, será obxecto de contrato a análise da conexión do núcleo urbano coa A-52, así como da posibilidade dun transporte público intramunicipal. O servizo deberá prestar unha especial atención á Avenida Castelao, incluíndo actuacións de participación coa poboación.

As empresas interesadas poderán consultar toda a documentación na páxina web do concello de Ponteareas na pestaña “perfil do contratante” ou directamente nesta ligazón https://ponteareas.sedelectronica.gal/?x=4QFrfj5i*JOx8ArQfZSaQA

O Plan de Mobilidade Sustentable conta co apoio da Deputación de Pontevedrá que concedeu unha axuda de 20.000€ para a súa redacción.