Aberto o prazo para participar no desfile de comparsas de entroido

A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, informa a toda a cidadanía que xa están colgadas na páxina web do concello e publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOPPO) as bases para participar no desfile de comparsas de entroido 2020.

As asociacións ou colectivos interesados poderán realizar a solicitude dende hoxe mércores no rexistro de entrada do Concello ou na sede electrónica ata o vindeiro xoves 13 ás 13:59 horas. É obrigatorio o uso dos formularios normativos, que estarán a disposición das e dos interesados na web do Concello https://ponteareas.gal/ e a través dos enderezos electrónicos dos departamentos de eventos e cultura dirixíndose a: educacion@ponteareas.es (teléfono 986640000) ou departamentocultura@ponteareas.es (986661674)

Establécese un límite máximo de quince comparsas e cada unha delas deberá contar cun mínimo de 25 participantes para poder optar ás mencións e gratificacións en concepto de participación.

O Concello establece unha axuda por participación para cada comparsa, sempre que participe os tres días sinalados, o importe será en función do número de participantes. A partir de 31 membros se incentivará cada membro da comparsa con 10€, cun maximo de 1500 euros.

A concelleira de Eventos anima a todos os colectivos legalmente recoñecidos e asociacións a participar nesta convocatoria que fomenta e preserva os nosos sinais de identidade e engade que os días de desfile fixados serán, o domingo 23 e o martes 25 de entroido e tamén o mércores 26 como acompañamento no enterro da sardiña.

Axudas e subvencións