Aberta a inscrición para o curso de monitor de tempo libre

A Concellería de Mocidade, que dirixe Verónica Carrera, organiza un curso de monitor/a de actividades de tempo libre que se desenvolverá nas fins de semana a partir do 16 de setembro e ata o 26 de novembro.

O curso consta de dúas fases: unha fase teórico-práctica de 200 horas lectivas, e unha fase práctica, que se realizará nun prazo máximo de 2 anos dende o remate da fase teórico-práctica, e unha vez obtido o apto na fase anterior. Esta segunda fase consta dun mínimo de 12 días en campamentos, colonias, albergues, campos de traballo e outros, en bloques non inferiores a 3 días, ou de 150 horas de actividade nunha entidade que traballe no campo da educación no tempo libre.
Contará tamén con prácticas e os requisitos é ser maior de idade no momento do inicio do curso e estar en posesión, como mínimo, do Graduado Escolar ou equivalente.

As datas de realización e o lugar será Centro Asprodico (Canedo) dende o 16 de setembro ata o 26 de novembro.

O curso ten unha única cota de matrícula de 150 €, que se aboará no momento da inscrición.

Unha vez iniciado o curso, a cota de inscrición non será reembolsable salvo causas razoables e documentalmente xustificables.

O pagamento da matrícula formalizarase a través do Departamento de Rendas do Concello de Ponteareas.

A inscrición poderá realizarse na OMIX de Ponteareas, achegando a seguinte documentación:
– ficha de inscrición adxunta cumprimentada
– unha fotografía tamaño carné
– xustificante bancario do pagamento da matrícula
– copia do DNI
copia do Graduado Escolar ou estudos equivalentes ou superiores

O prazo de inscrición que xa está aberto remata o 13 de setembro.

As prazas son limitadas, priorizándose ao alumnado empadroado no Concello de Ponteareas.

Este curso, homologado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ten por obxecto a formación de persoas capaces de realizar actividades socioculturais e recreativas, tanto en tempo libre urbano como na natureza.

Os obxectivos do curso son detectar as necesidades de intervención no tempo libre dun grupo reducido de persoas, conectándoo co seu medio; animar, dinamizar e facilitar o desenvolvemento dun grupo de persoas; deseñar, dirixir e executar un obradoiro, localizar recursos para o desenvolvemento das actividades e participar dun proxecto de animación xeral, responsabilizándose das tarefas específicas que lle son encomendadas.