A zona azul gratuita de Ponteareas comeza a funcionar cun período informativo no que non se producirán sancións

A concellería de Seguridade Cidadá do concello de Ponteareas informa que os parquímetros da zona azul xa están operativos e durante o mes de agosto procederase a un período de adaptación e información no que non se producirán denuncias por infraccións á Ordenanza de zona azul.

A partir do día 1 de setembro será obrigatorio o cumprimento da Ordenanza reguladora de estacionamento de zona azul polo que a Policía Local poderá denunciar a todos os vehículos que cometan infraccións á mesma, sendo obrigatorio a colocación do ticket nun lugar visible do vehículo.

O horario da zona azul será de 09:00 a 14:00 horas tódolos días laborais, agás domingo e festivos e permitirase aparcar nesta zona unha hora e media ao día totalmente de balde.

Cinco dos seis parquímetros comezarán a funcionar nos vindeiros días mentres que o parquímetro nº6, ubicado na confluencia das rúas Vidales Tomé e Emilio Rodríguez, será posto en funcionamento con posterioridade.

De doado manexo tan só haberá que premer o botón verde, marcar a matrícula do vehículo e volver premer o botón verde para proceder á retirada do ticket e colocalo no parabrisas.

Unha vez concluído o tempo máximo de utilización, o vehículo deberá abandonar o estacionamento e non poderá volver aparcar durante o horario establecido para limitación de estacionamento durante esa xornada.

A zona Azul seguirá sendo de balde e nos parquímetros expedirase un ticket no que figure o número do expendedor e os datos do vehículo así como a hora de comezo e remate do estacionamento.

Para asegurar a rotación e bo funcionamento da zona azul no ticket incorpórase o número do expendedor que identifica cada parquímetro.

Os cinco parquímetros xa existentes manteránse na mesma ubicación (praza Bugallal, rúa Reveriano Soutullo esquina Avda Constitución, Morales Hidalgo (auditorio), rúa Arxentina e rúa Perillana (esquina praza de abastos).

Nos vindeiros meses é posible que se engada un tramo horario pola tarde para que tamén se produza a desexada rotación.

A zona azul ten como obxectivo dinamizar as zonas de aparcamento e que toda a veciñanza teña a oportunidade de achegarse ao centro urbano para realizar as súas compras e xestións.

Para a concelleira de Seguridade Cidadá a zona azul garante máis axilidade e maior oportunidade de aparcamento quedando as zonas de aparcamento municipal, que se atopan no perímetro do centro a unha distancia inferior a cinco minutos andando, para aqueles vehículos que precisen estar estacionados un longo prazo de tempo.

A cidadanía poderá atopar trípticos informativos na casa do concello, na biblioteca, nas dependencias da Policía Local e nos comercios do centro urbano.