A Xunta atende a petición do Concello de Ponteareas e autoriza a limitación a 30 km/h na Avenida de Castelao

A Policía Local disporá dun radar para asegurar que se respecte a limitación de 20 km/h no resto do casco urbano

Desde hai varios meses a vila de Ponteareas ten limitada a velocidade máxima dos vehículos a motor a 20 km/h outorgando ademais prioridade aos peóns nas calzadas polas que circulan os vehículos. A tal fin instalouse sinalización vertical en todos os accesos ao casco urbano, agás na Avenida de Castelao e na Rúa Real, vías de titularidade autonómica e estatal. No caso da Avenida de Castelao, o Concello solicitou á Xunta autorización para rebaixar o límite de velocidade a 30 km/h dacordo co Plan de Mobilidade. Segundo informa o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, a administración autonómica autorizou o novo límite de velocidade que se fará efectivo nos vindeiros días mediante a substitución das actuais placas de 50 km/h polas novas de 30 km/h.

Para asegurar o cumprimento dos novos límites de velocidade, a Policía Local disporá nos vindeiros días dun radar. “Somos conscentes de que unha parte dos condutores non están respectando a nova limitación de velocidade e imos tomar as medidas necesarias para que se cumpra. Os sinais instalados non son un adorno, son para cumprir e respectar pola seguridade de todos e todas”, sinalou Mera. O concelleiro lembrou que a 20 km/h en zona urbana os riscos de lesións graves ou morte por atropelo se reduce considerábelmente, mentres que a partires de 30 Km/h se multiplica por cinco. A velocidade é determinante no 30% dos accidentes mortais, ademais de que tamén incide no nível de contaminación.

Mera anunciou que se farán controis de radar en diferentes lugares, inicialmente e durante as primeiras semanas, de maneira visíbel e para lembrar a obriga de respectar o límite establecido, pero unha vez finalizada a fase informativa e de concienciación, tamén se farán controis sen previo aviso para detectar e sancionar os comportamentos máis graves. O edil nacionalista sinalou que “o noso obxectivo é termos unha vila na que as persoas gocen de absoluta seguridade nos seus desprazamentos e erradicar os comportamentos agresivos e temerarios ao volante que a miúdo observamos nunha minoría de condutores”. A limitación de velocidade a 20 km/h conleva a perda de puntos a partires dos 40 km/h de velocidade.