A Xunta anuncia a súa negativa a pagar ao Concello a débeda pola Estación de Autobuses

Estación de autobuses de Ponteareas

 

Pretende ademais reclamar un canon anterior ao 2011. A alcaldesa advirte que “non permitirá que a Xunta ataque e prexudique a Ponteareas con mala fe”

 

O Concello continúa coa man tendida para chegar a un acordo de cofinanciamento viábel xuridicamente

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, lamentou hoxe a negativa da Xunta de Galicia a pagar ao Concello de Ponteareas a cantidade debida pola xestión da Estación de Autobuses dende 2011. Nun escrito remitido á alcaldesa, a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade alega que as perdas da Estación a pagar se limitan ao período 2011-2016 e se compensan coa ocupación de parte das instalacións por parte de colectivos sociais como Ponte Solidario. Cristina Fernández afirmou que a Consellaría “falta á verdade e, afortunadamente, está documentado o compromiso da Xunta de pagar as perdas asumidas por Ponteareas nestes once anos e sen ningunha clase de compensación por ocupación das instalacións”.

 

Ademais, a Xunta advertiu que reclamará ao Concello o pago dun canon pola xestión da Estación. Cristina Fernández Davila lembra que “dito canon era de aplicación até 2011 coa concesión. De ser certo que non se pagou, os gobernos daquel entón deberán explicar porqué non se fixo e a Xunta debe aclarar porque se acordan agora, once anos despois, de reclamalo”. A alcaldesa solicitou xa un informe xurídico para defender os intereses municipais, “se é preciso nos tribunais. Non imos aceptar que a Xunta con mala fe institucional prexudique a Ponteareas e a súa veciñanza nunha reacción claramente vingativa e contra un Concello que, sen ter obriga, lle solucionou durante once anos a súa incapacidade para xestionar unha Estación que é de exclusiva competencia da Xunta”.

 

A rexedora lamentou que a Xunta decidise poñer fin ás negociacións para cofinanciar a remodelación do edificio, ao non aceptar a oferta municipal. “O Concello ofertou unha colaboración moi clara, cifrada en 370.000 euros, para confinanciar as obras de remodelación; a Xunta pretendeu plasmar no convenio unha forma de pagamento inviábel xuridicamente e a Consellaría non aceptou outras formas de pago viábeis propostas polo Concello como o pagamento fraccionado”. A alcaldesa revelou que nas negociacións o Concello tamén propuxo adquirir a propiedade da primeira planta do edificio, unha fórmula que si permitiría o pagamento único, pero a Xunta tamén rexeitou esa posibilidade.

 

Nunha resposta enviada hoxe á Conselleira, a alcaldesa sinala que “se esta vai ser a liña de actuación e de relación da súa Consellaría co Concello de Ponteareas adiántolle que a deste goberno municipal seguirá sendo a do respecto institucional, pero dende a firmeza da defensa dos dereitos e intereses de Ponteareas e sempre co amparo do ordenamento xurídico, recorrendo, se é necesario, á tutela dos tribunais de xustiza”.