A WIM Yudania Hérnández porá a proba a súa concentración na III Partida Simultánea de Xadrez mañá na praza Maior

A concelleira de Deportes, Nahir Covelo, convida a desfrutar da espectacularidade da III partida simultánea de xadrez na que a xogadora e mestra internacional Yudania Hernández porá a proba o seu poder de concentración e xogar contra todos e todas as inscritas.

Este encontro coa nosa afamada xadrecista será na carpa da praza Maior mañá venres día 13 de 16:30 a 19 horas.

Co obxectivo de promocionar este deporte no noso concello, o Club Xadrez Ramiro Sabell convidou a todos os nenos e a todas as nenas maiores de 6 anos con nocións básicas de xadrez a participar e aprender coa gran Yudania, mestra internacional feminina de xadrez, catro veces campioa de España individual e por equipos, olímpica por Cuba e España en diferentes ocasións e adestradora da selección galega e española en idades escolares.

Nahir Covelo destaca a espectacularidade deste tipo de partidas na que a mestra Yudania terá que enfrontarse a múltiples xogadores facendo gala dun extraordinario poder de concentración.