A Volta Ciclista a Galicia sae este xoves de Ponteareas no 35 aniversario da vitoria de Álvaro Pino na Vuelta

A Volta Ciclista a Galicia sae este xoves de Ponteareas no 35 aniversario da vitoria de Álvaro Pino na Vuelta

 

Alcaldesa e concelleiro de Deporte participaron na presentación da proba, que contou coa presenza do Secretario Xeral para o Deporte e da directiva da Federación Galega de Ciclismo

 

Ponteareas foi a localidade elixida para a presentación da XIX Volta Ciclista a Galicia, que se celebrará do 16 ao 19 de setembro e na que a vila do Tea terá un gran protagonismo. Así, Ponteareas foi elixida como punto de saída da xornada inaugural coincidindo coa efeméride do 35 aniversario da vitoria do ciclista ponteareá Álvaro Pino na Vuelta Ciclista a España 1986. Ademais da contrarreloxo individual de seis quilómetros con varias costas e xiros técnicos con saída e chegada no centro do municipio o día 16, o venres 17 tamén será punto de partida e regreso da segunda xornada tras un percorrido de 143 quilómetros polo concello e a comarca con dúas ascensións a metade de etapa e dúas voltas a un circuíto final con paso pola subida a Vilasobroso.

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, participaron este martes na presentación oficial da Volta xunto ao Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; ao pesidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; aos exciclistas Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera; representantes do sector de Tráfico da Garda Civil e membros das formacións galegas que participarán na Volta.

 

A rexedora destacou a “gran tradición deste deporte na vila” e a importancia do paso da Volta polo municipio, xa que “porá en valor a beleza e natureza da nosa contorna, ademais de dar un pulo á economía local”. Pola súa banda, Lete Lasa, quixo salientar a importancia de Ponteareas como berce de campións en ciclismo e lembrou, xunto a Álvaro Pino, a outros dous ciclistas de gran calado como Delio Rodríguez Barros, que conta co maior número de vitorias na ronda española (39) ou Borja Gómez, quen “derrubou un muro ao ser o primeiro ciclista con síndrome de Down en disputar un Campionato de España, o de ciclocross en 2018“. Durante a presentación tamén se lle rendeu homenaxe a Guillermo Sande, responsable técnico da Federación Ciclismo Galego durante case 25 anos que faleceu o pasado mes de xaneiro e a quen se lle dedica esta edición da Volta.

 

Este ano, a Volta Ciclista a Galicia volve ademais ás estradas tras ser suspendida pola COVID a pasada tempada. Por mor do seu paso por Ponteareas nas primeira e segunda xornada pecharanse ao tráfico algunhas das rúas do centro da vila. Así, durante o xoves 16 a partir das 14.00 h non se poderá estacionar e a partir das 17.00 h circular pola Avenida Rosalía de Castro, as rúas Redondela e Trobador Xoán García de Guillade, a Avenida de Galicia entre a rúa Trobador Xoán García e a rúa dos Carballos, a Avenida Ciclista Emilio Rodríguez e a rúa Vidales Tomé. O venres 17 o peche ao tráfico afectará durante toda a xornada á rúa Vidales Tomé e á Avenida de Galicia no tramo entre a Rúa Real e a Rúa dos Carballos. Dende o Concello agradécese a colaboración e comprensión da veciñanza ante os posibles inconvenientes que poidan causar estas dúas probas.