A VII Semana das Ciencias arrinca coa presentación da existosa iniciativa Youtubeiras.gal

A VII Semana das Ciencias arrinca coa presentación da existosa iniciativa Youtubeiras.gal

O premiado youtubeiro e comunicador Olaxonmario ofrecerá un obradoiro para alumnado e compartirá coñecementos cos docentes no seminario para profesorado

A Doutora en Comunicación, Mónica Valderrama, abrirá o ciclo de conferencias o luns 17 ás 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal para falar dun bo uso das redes sociais e erros e riscos máis frecuentes

O auditorio municipal de Ponteareas abre as súas portas á sétima edición da Semana das Ciencias de Ponteareas. Baixo o título “Ciencia e Comunicación” acollerá durante cinco días obradoiros, conferencias, mesas redondas, seminarios, xogos, visitas guiadas e unha feira como colofón final e escaparate da sabedoría científica da comunidade educativa da vila.

O luns 17 ás 10.00 horas inaugurarase unha nova edición coa presentación do proxecto Youtubeiras.gal. A presencia do galego nas redes estes últimos anos viuse impulsada grazas a diversos proxectos, entre eles o de Youtubeiras.gal, que se dedica a promover e fortalecer a creación de contidos en galego en Youtube. Youtubeiras conta cun certame que reparte arredor de 7.500 € en premios nas categorías de youtubeiro/a, canle, vídeo, youtubeiro/a revelación, calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público.

O servizo de normalización lingüística do Concello de Carballo conversará co alumnado arredor da  produción, representación e grandes fitos históricos da cultura pop contemporánea galega (Andrés do Barro, Ana Kiro, Heredeiros, Tanxugueiras…); da representación da sociedade galega e da creación en galego nos medios; da evolución da creación musical e audiovisual e casos de éxito na actualidade; e das vantaxes da diferenciación dos produtos culturais nunha lingua minorizada. Ademais, tamén adiantarán as posibilidades creativas e comunicativas que os novos medios e soportes ofrecen para a creación en galego e o valor da contextualización da cultura galega na Lusofonía e importancia dos referentes en lingua portuguesa.

Youtubeiras.gal é un proxecto colaborativo que está promovido por doce concellos de toda Galicia (A Baña, Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo), a Deputación da Coruña e as tres universidades (UDC, USC e UVigo) e ao que poden sumarse máis concellos que teñan un departamento de normalización lingüística.

O youtubeiro e comunicador Olaxonmario, premiado neste certame, tamén participará para compartir co alumnado trucos e ferramentas para editar vídeos e chegar ao público.

Pola tarde, será o profesorado o que afonde na procura de contidos didácticos na rede como apoio educativo da man destes profesionais no salón de plenos no marco dunha nova cita co seminario do profesorado da Semana das Ciencias.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salienta que a Semana das Ciencias posibilita o encontro de profesionais, de emprendedores e de iniciativas novidosas coa comunidade educativa e coa cidadanía en xeral.

Pola tarde, ás 19.30 horas, na sala multiúsos do auditorio municipal arrinca o ciclo de conferencias coa Doutora en Comunicación e experta en redes sociais, Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Públicas da Universidade de Vigo.

“É fundamental amosar ás familias, aos docentes e ao alumnado as ferramentas e os recursos que ofrece a rede como apoio útil e seguro para fornecer o coñecemento”, sinala a alcaldesa.

Mónica Valderrama compartirá os segredos para un bo uso das redes sociais e advertirá dos erros e riscos máis frecuentes.

A VII Semana das Ciencias afondará na relación entre a Ciencia e a Comunicación, ao cumprirse neste ano 2023 noventa anos da chegada da radio a Galicia. “En Ponteareas conectaremos ao noso alumnado e á nosa cidadanía con expertas e expertos en comunicación, con recoñecidos e recoñecidas profesionais que viviron a revolución tecnolóxica dos medios, coas novas xeracións que utilizando novas canles de comunicación conciencian, sensibilizan, potencian proxectos, lanzan empresas e poñen o selo das galegas e dos galegos nas plataformas dixitais”, explica a alcaldesa Cristina Fernández.

O ciclo de conferencias continuará o martes 18 co divulgador, profesor e deseñador Mingos Teixeira para dar paso á mesa redonda que traerá a Ponteareas ao xornalista de máis longa traxectoria nos medios, Fernando Franco; á comunicadora e escritora María Xosé Porteiro; e ás e aos locutores deportivos e condutores de programas radiofónicos de máxima audiencia. As responsábeis de webseries da produtora Illa Bufarda e creadores e creadoras de contidos para podcasts e canles de YouTube forman parte da programación nas seguintes conferencias das tardes abertas á cidadanía en xeral.

Participar ten premio

O alumnado dos centros educativos de Ponteareas que asistan ás catro conferencias participarán no sorteo dun patinete eléctrico valorado en 300 euros.

Todas as conferencias serán ás 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e as persoas que desexen asistir deberán reservar butaca no correo electrónico educacion@ponteareas.gal ou no número de teléfono 986 64 00 00, departamento de Ensino.

Como cada ano, a Feira das Ciencias pechará o programa de actividades na Praza Bugallal. Ducias de postos exhibirán os coñecementos e experimentos científicos froito da aprendizaxe e traballo de alumnado e profesorado.

Ademais, a cidadanía poderá visitar a exposición da Historia da Radio na entrada do auditorio municipal en horario de mañá e tarde.