A veciñanza de Ponteareas xa goza dun novo parque público na Avenida Sarmiento Rivera

A veciñanza de Ponteareas xa goza dun novo parque público na Avenida Sarmiento Rivera

Son case 3.000 m2 de zonas verdes, axardinadas e de paseo. Tamén se acondicionou para uso peonil e ciclábel a rúa Curuxeira

Ponteareas conta desde hoxe cun novo espazo público para goce da veciñanza. Xa está aberto ao público o novo parque público de case 3.000 metros cadrados na Avenida Sarmiento Rivera, un novo lugar de lecer con zonas verdes e axardinadas, arborado, mobiliario urbano como bancos, iluminación e zonas de paseo, ademais dun grande estanque con fontes.

“É un novo espazo do que podemos desfrutar en Ponteareas cun ambiente agradábel e acolledor, con arborado de gran porte e de interese botánico que enriquece a biodiversidade e ofrece unha contorna natural única para todas e todos os ponteareáns. Un lugar de lecer verde, pensado para as persoas, que fan a vila máis saudábel e sostíbel e comprometida na loita contra o cambio climático”, destacou a alcaldesa, Cristina Fernández.

A zona conta ademais cunha antiga edificación de 160 metros cadrados rehabilitada que será destinada a novo equipamento municipal. Xunto con este espazo tamén se acondicionou para uso peonil e ciclábel a rúa Curuxeira, que se ambientou ademais coa colocación de novas xardineiras e coa creación dun mural da artista gráfica Tamara Baz. As obras de creación deste novo espazo non tiveron custe para o Concello de Ponteareas, xa que se trataba dunha obriga dos propietarios dos terreos recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para poder desenvolver o resto da área con usos comerciais. Os promotores cederon o parque en propiedade a favor do Concello. Este é o primeiro dos moitos espazos dos que poderá desfrutar a veciñanza de Ponteareas grazas á aprobación a finais de 2021 do Plan Xeral.