A veciñanza de Ponteareas comprometida na loita contra a vespa velutina

A veciñanza enche o salón de plenos na reunión informativa para o control da praga da vespa velutina. O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Medio Rural, Manolo Troncoso, valoraron moi positivamente este encontro no que veciños e veciñas coñeceron as novas técnicas para a captura de raíñas e as novas fórmulas melloradas de líquidos atraíntes.

Da man da Asociación Galega de Apicultura (AGA) actualizaron os coñecementos para combater de xeito selectivo a captura de velutinas na primavera que ten como obxectivo reducir o número de niños secundarios. O alcalde Xosé Represas lembrou que é unha competencia da Xunta de Galicia que debe realizar un plan de acción para desenvolver en todo o territorio e destinar os medios precisos para a investigación e os fondos.

Troncoso e Represas agradecen a colaboración de todos os que na anterior campaña loitaron contra a vespa velutina e adiantan que continuarán adoptando as medidas precisas para frear o impacto desta praga ao mesmo tempo que esixen á Xunta de Galicia que asuma as súas responsabilidades e facilite aos concellos ferramentas e métodos para protexer as especies autóctonas e propias da zona fronte a esta especie invasora.

Estamos a disposición da Xunta para colaborar pero son eles os que deben poñer os medios e os cartos para esta acción global que debe ser planificada e sustetanda na investigación”.

O goberno de Ponteareas seguirá a traballar con AGA para ofrecer o mellor asesoramento á veciñanza.