A veciñanza amósase favorable á humanización do entorno do auditorio e mercado municipal

Varias ducias de veciños e veciñas da rúa Fernández Vega e arredores do auditorio e mercado municipal interviron no proceso de participación social para definir a humanización dese espazo. Fixérono tanto a través da web municipal, no espazo habilitado polo Concello baixo o título “Ponteareas o teu fogar” como na reunión celebrada onte 21 de marzo. Ademais, os responsabeis municipais mantiveron encontros cos comerciantes da Praza de Abastos e cos alfombristas da rúa.

A veciñanza amosouse a favor da humanización da rúa no tramo comprendido entre o auditorio e o mercado e valorou a proposta elaborada polo equipo técnico. Deste xeito, o proxecto definitivo redactarase nos vindeiros días para a súa aprobación no Pleno, licitación e adxudicación. As obras executaranse ao longo deste ano, despois da celebración do Corpus.

A reforma proxectada prevé a creación dunha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, mantendo a circulación de vehículos nos dous sentidos. Estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns. O obxectivo da actuación é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradábel e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.

O alcalde Xosé Represas e a tenente de alcalde Chus Garrote agradeceron á veciñanza a súa participación e “as ideas aportadas que mellorarán o proxecto” e enmarcou esta actuación no obxectivo do goberno de “transformar por completo a vila converténdoa nun lugar pensado para a xente”.

Esta obra estará financiada polos fondos europeos de desenvolvemento rexional da Unión Europea dentro da estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”.