A terceira edición do Festival “Rock in Río Tea” terá lugar os días 3 e 4 de xullo

Un total de sete bandas de diferentes estilos musicais protagonizarán o espectáculo no Parque da Concordia, en Ponteareas

festival-rio-tea-1A terceira edición do Festival “Rock in Río Tea” foi presentada esta mañá de xoves, 11 de xuño, no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas. O acto contou coa presenza de varios membros da Asociación Falcón, organizadora do Festival, do alcalde ponteareán, Salvador González Solla, e do concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro.

A actividade dará comezo o venres 3 de xullo ás 21:00 horas, coa actuación do grupo Black Box enriba dun camión/escenario que, segundo Julio Mera, un dos ideólogos do Festival, “levará a música aos lugares máis identificados co proxecto do Rock in Río Tea”.

O propio Mera manifestou que a Asociación se sinte “orgullosa de poder presentar un cartel moi completo e con diferentes estilos musicais. Poderase escoitar rock, soul, rhythm and blues e mesmo algo de pop”.

As bandas que compoñen a presente edición do festival son: Mínima Son e La Banda de Mazinger de Ponteareas, Cool Funeral e The Soul Jacket de Vigo, Familia Caamagno de Sigüeiro e Aurora and Betrayers de Madrid.

Unha cita musical que, en palabras de González Solla, “cada ano colle máis auxe e que ten moito traballo detrás”. O rexidor mostrouse “encantado de colaborar economicamente con este Festival” e agarda que “os veciños e veciñas da vila vivan o rock de maneira intensa durante esa fin de semana”.