A singularidade dos montes veciñais de Ponteareas, protagonista do traballo de Damián Copena gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey

A singularidade dos montes veciñais de Ponteareas, protagonista do traballo de Damián Copena gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey

 

O ponteareán, profesor na Universidade de Oviedo, salientou na presentación da súa investigación que “as comunidades de montes de Ponteareas están vivas e activas”

 

“As comunidades de montes de Ponteareas están vivas e activas a pesar dos riscos e dificultades e dunha traxectoria histórica complicada. Son axentes fundamentais dentro da dinamización das parroquias e cumpren unhas funcións únicas dende o punto de vista social, ambiental e económico”. Así salientaba a singularidade dos montes veciñais da vila o ponteareán Damián Copena, profesor de Economía na Universidade de Oviedo e gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey durante a presentación no salón de plenos do Concello do seu traballo ‘Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais en man común de Ponteareas’.

 

Copena fixo fincapé ante un numeroso público na singularidade dos montes veciñais de Ponteareas, recollida no seu traballo, realizado cunha metodoloxía ampla e transversal e analizando este sector desde distintos campos, como o económico, o social ou o ambiental. O autor fixo un percorrido pola historia dos montes ponteareáns e a súa relevancia, sobre todo como un elemento importante na agricultura tradicional galega.

 

“Os nosos montes son recursos de uso común xestionados mediante acción colectiva moi importantes tanto territorial como superficialmente, con grandes cambios no últimos anos cun proceso de recuperación no que continuaron camiñando cara a adiante desenvolvendo novos aproveitamentos”, recalcou. O investigador destacou que “temos por diante un futuro complexo e incerto para o que temos que estar preparados dende as comunidades locais para ter maior resiliencia e que as comunidades de montes poidan manterse ao longo do tempo e sobrevivir aos problemas que poidan vir a curto e medio prazo”.

 

O obxectivo de Damián Copena é realizar unha publicación científica nunha revista de interese internacional no que se poñan as comunidades de montes veciñais en man común de Ponteareas como un caso de estudo de relevancia a ter en conta “fóra das nosas fronteiras”.

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, foi a encargada de presentar ao gañador deste premio de investigación e destacou o labor de Copena como “un grande especialista nos montes veciñais”. “Para a nosa vila ten moitísima importancia este traballo tan espectacular e rigoroso,  unha investigación cun gran mérito, xa que se trata dun tema pouco estudado”, salientou. A rexedora quixo ter unhas palabras tamén para o labor do anterior alcalde, Xosé Represas, que “sempre amosou un grande interese polos montes de Ponteareas”.

 

Durante o acto, o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, fixo referencia á importancia do premio Fermín Bouza Brey para coñecer a historia de Ponteareas. Ademais destacou a notable dotación económica do galardón, 3.000 euros, e fixo un breve percorrido polas oito edicións deste premio, que permite “visibilizar traballos e estudos relevantes con base científica, rigorosos e aplicábeis á mellora do noso día a día”. O edil quixo tamén agradecer a participación de todos os membros do xurado.