A San Silvestre tomará de novo a Praza Maior o último día do ano

A San Silvestre tomará de novo a Praza Maior o último día do ano

 

Máis de 180 persoas xa se anotaron no día de apertura de inscricións, que poderán facerse ata o vindeiro 29 de decembro a través da web cronotec.es

 

Un ano máis a carreira solidaria San Silvestre tomará Ponteareas. O vindeiro 31 de decembro os veciños e veciñas poderán achegarse ata a Praza Maior para gozar dunha nova edición desta proba na que se poderá gozar en familia, facer deporte e achegar un gran de area para converter unha tarde de carreira en toneladas de axuda para o centro de reparto de alimentos de Ponteareas, dependente da Concellaría de Benestar Social.

 

Organizada polo Club Taninos Runners Ponteareas en colaboración co Concello, a IX San Silvestre Solidaria de Ponteareas terá un percorrido urbano que agarda reunir a arredor de 1.000 corredores nas cinco categorías abertas, unha absoluta (750 atletas) e catro infantís (250). Só no primeiro día de inscricións xa se anotaron máis de 180 persoas. “Non podemos máis que agradecer aos Tanino a súa implicación para preparar unha nova edición desta proba de carácter solidario e animar a toda a veciñanza a participar nesta xornada lúdica e deportiva tan especial”, salienta a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila.

 

Así, os rapaces e rapazas de 6 e 7 anos sairán ás 16.30 horas da Praza Maior para dar unha volta acurtando pola rúa máis ao norte da Praza de Bugallal; as e os de 8 a 10 anos darán unha volta ao circuíto saíndo ás 16.40 horas e os e as de 11 a 13 anos sairán ás 16.50 horas para dar dúas voltas ás dúas prazas de Ponteareas. Os nenos e nenas de 4 e 5 anos serán os últimos da categoría infantil en saír, ás 17.15 horas, e irán dende a rúa de Oriente ata a Praza Maior.

 

Pola súa banda, a proba absoluta, aberta a atletas de máis de 14 anos, será ás 17.30 horas cunha volta a un circuíto urbano de 5 quilómetros con saída e liña de meta na Praza Maior. Haberá avituallamento ao rematar a proba e un obsequio para todos os nenos e nenas participantes na San Silvestre Infantil.

 

As persoas interesadas en participar xa poden facer a súa inscrición gratuíta a través da páxina web cronotec.es ata o vindeiro 29 de decembro. A organización advirte que non se admitirán nin inscricións posteriores a esa data nin o mesmo día da proba. Os dorsais entregaranse na Praza Maior o mesmo día da proba de 11.00 a 13.00 e de 15.30 a 17.00 horas nun espazo habilitado pola organización. Os e as participantes disporán de servizo de gardarroupa na zona de saída e meta.

 

Todas e todos os participantes deberán facer unha achega de produtos alimenticios non perecedoiros ou de produtos de limpeza e hixiene persoal que serán recollidos polo centro de reparto de alimentos de Ponteareas antes da retirada de dorsais. Nesta entrega de alimentos e produtos de limpeza e hixiene tamén pode participar o público xeral. “Para o Concello trátase dunha proba moi importante, non só pola cantidade de xente que implica, senón porque cada ano supón unha achega importante para o centro de reparto, do que se benefician moitas familias desfavorecidas”, recalca o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

 

Dende o Club Taninos Runners de Ponteareas queren agradecer toda a colaboración de persoas particulares e empresas privadas que fan posible a realización desta festa deportiva o último día do ano.