A San Silvestre de Ponteareas extrema as precaucións para celebrarse con seguridade

Concello e o colectivo organizador, Taninos Runners, realizan varios cambios para que a carreira que se celebra mañá sexa segura

 

A carreira San Silvestre continúa en marcha en Ponteareas. O colectivo que a organiza, Taninos Runners, realizaron durante esta semana varios cambios no regulamento da proba para poder celebrala de maneira segura. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere agradecer “o gran esforzo de Taninos Runners para sacar adiante a San Silvestre”, e pide a colaboración “de todas as persoas participantes para cumprir as medidas de seguridade”. 

 

Ao inicio da carreira será obrigatorio que os maiores de 12 anos amosen o certificado de vacinacion para poder participar, durante e despois da proba será obrigatorio o uso de máscara e a organización entregará unha nova a cada participante que o desexe ao cruzar a liña de meta. Ademais as persoas participantes da categoría absoluta (maiores de 14 anos) dividiranse en tres caixóns de aproximadamente 250 participantes cada un. As saídas de cada un dos caixóns serán divididas cun intervalo dun minuto.

 

Os cambios nas saídas tamén provocaron un cambio no percorrido. Agora, unha vez que se chega á praza Maior hai que seguir pola rúa Calexa, logo rodearase a praza da Perillana en lugar de acurtar pola rúa Perillana e tamén  se rodeará o auditorio no lugar de pasar rectos por diante do mercado.

 

Na organización tamén queren lembrar que esta proba é solidaria e non competitiva, polo que non haberá controis de tempos nin clasificacións das probas.” Entendemos este evento como unha festa do deporte e da solidariedade para despedir o ano, e non sería posible sen a máxima colaboración de todos”, destacan dende Taninos Runners.