A San Silvestre acada os 2.000kgs de axuda

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A concelleira de Benestar Social agradece a implicación dos Taninos Runners

Cada ano máis solidariedade”, con esta frase podería pechar o ano a San Silvestre de Ponteareas que ven de bater un novo récord de recadación de alimentos para o centro de reparto local.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, informa que tras o reconto contabilizáronse máis de 2.000kgs de axuda recollida, unha cifra que supera a da anterior edición, recollendo 500 kg máis de axuda.

Verónica Carrera e a concelleira de Deportes, Nahir Covelo, queren dar as grazas aos Taninos Runners por esta fermosa iniciativa e a todas e todos os que se achegaron ata a liña de saída para amosar o seu lado máis solidario aportando produtos de alimentación e hixiene que se destinarán ás familias que máis o precisen.

Ano tras ano os Taninos Runners fan que a axuda recollida sexa máis e despertar o espírito deportivo e solidario da veciñanza que percorre cinco quilómetros no centro urbano para divertirse, para pechar o ano facendo deporte e, sobre todo, para dar un bo exemplo de sensibilidade.

Dende a organización queren tamén agradecer a todos e todas as participantes a súa satisfacción por ter compartido quilómetros cun grupo con tantas ganas de aportar.

Verónica Carrera e Nahir Covelo queren facer extensible o seu agradecemento tamén ao club Bádminton Ponteareas que tamén celebrou unha xornada deportiva-solidaria en favor do centro de reparto local ubicado no centro social da rúa Oriente.