A risa como terapia no centro e nas parroquias de Ponteareas

O Concello pon en marcha cursos de risoterapia para persoas adultas con prazas limitadas no auditorio e en Bugarín, Guillade, Canedo e Cillarga

A risa como terapia no centro e nas parroquias de PonteareasO Concello de Ponteareas achega novos cursos ao centro da vila e aos centros e casas culturais das parroquias, levando novas iniciativas lúdicas, didácticas e de lecer a toda a veciñanza. Nos vindeiros días comezará un curso de risoterapia no centro urbano, en Bugarín, Guillade, Canedo e Cillarga, unha actividade de balde dirixida a público adulto que busca ofrecer un rato agradábel ao tempo que se mellora a saúde mental e o benestar emocional a través da risa con diferentes xogos e dinámicas.

O curso no Centro Cultural de Cillarga será este mesmo xoves 27 de abril, de 20.00 a 21.30 horas. A actividade contará con prazas limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse na propia casa cultural ou no departamento de Cultura .

Xa en maio a actividade chegará tamén ao Centro Cultural de Bugarín. Alí o curso impartirase os martes a partir do 2 de maio de 11.00 a 12.30 horas. Tamén será os martes, pero en quenda de tarde de 20.00 a 21.30 horas, no Centro Cultural da parroquia de Guillade. Xa os mércores, este curso tamén se imparte aula multiúsos do auditorio municipal Reveriano Soutullo en horario de mañá (de 11.00 a 12.30 horas) e no Centro Cultural de Canedo de 20.00 a 21.30 horas. A inscrición será de balde nas casas ou centros culturais ou no departamento de Cultura, co teléfono 618 705 635.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, salienta a importancia de actividades como estes cursos, xa que “achegan ás e aos ponteareáns unha disciplina como a risoterapia que ten demostrado ser moi efectiva para combater o estrés e a ansiedade ou para mellorar o benestar persoal da veciñanza. Todo ao tempo que se promove a convivencia e o intercambio de experiencias nun ambiente positivo”.