Esta categoría abrangue os restos de papel, vidro e envases lixeiros e supón un incremento do 2,48% con respecto ao ano 2014
Ponteareas rexistrou en 2015 un incremento da recollida de residuos selectivos (papel, vidro e envases de plástico e metal) do 2,48% con respecto a 2014, chegando a acadar unha cifra total 719.940 quilogramos nesta categoría. Son datos facilitados por FCC, a empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos no Concello de Ponteareas.
No informe que a compañía vén de facilitar ao goberno local tamén é posible comprobar outros datos de interese. Un deles ten que ver coa cifra de recollida do resto de residuos sólidos urbanos, depositados nos colectores tradicionais, e que ascende a 6.215.540 quilogramos, representando un descenso do 3,46% se se compara coa cantidade rexistrada no ano 2014.
300 toneladas xestionadas no Punto Limpo
O Punto Limpo de Reciclaxe e Xestión de Residuos, situado na estrada de Guláns, s/n, quilómetro 1,5, rexistrou un total de 1.919 entradas, aumentando o número de usuarios deste servizo nun 21% con respecto a 2014 e xestionando un total de 300 toneladas.
Un 40% das entradas rexistradas proceden de veciños e veciñas do casco urbano, mentres que o 60% restante provén da veciñanza residente nas diferentes parroquias. Materiais como o pneumáticos, roupa, plástico, aceite de fritir ou entullos supoñen case a metade da cantidade total rexistrada, chegando ás 141 toneladas.
Outros servizos
Respecto ao servizo de recollida de mobles e trastes vellos, recadáronse 1.103 puntos (colchóns, madeiras, mobles, metálicos, etc.), dos cales o 51% foron sen aviso previo. Neste senso, a empresa concesionaria salientar que é importante que os veciños saiban que existe unha liña de teléfono (986 64 03 07) para solicitar este tipo de recollidas, e así depositar na rúa estes residuos, no día e horario que se lle indique, e garantindo que estes vertidos se recollen de forma controlada.
Ao longo do ano tamén foi precisa a elaboración de diversos traballos de limpeza de beirarrúas, de pintadas en edificios e de vertedoiros incontrolados. O informe elaborado por FCC tamén especifica que os danos vandálicos a colectores provocaron uns custos de reparación superiores aos 8.400 euros.
Campaña de concienciación
“Ponteareas máis limpa” foi unha campaña de concienciación posta en marcha no pasado mes de xullo de 2015 polo Concello de Ponteareas e FCC, que permitiu instalar un stand permanente na Praza Bugallal para informar aos veciños e veciñas acerca da importancia de clasificar axeitadamente os residuos, así como tratar os residuos orgánicos do fogar, a través do proceso da compostaxe caseira.
Esta campaña tamén permitiu enviar a todos os fogares do municipio información sobre os servizos que se prestan, ademais de sortear uns agasallos entre todos aqueles veciños que quixeron achegar ata alí o seu lixo clasificado. Represas asegura que “seguirán desenvolvendo iniciativas coma esta, pois grazas a elas vemos que a cantidade de residuos reciclados aumentan, mellorando o medio ambiente e reducindo a factura que o Concello paga polo transporte de residuos innecesarios a SOGAMA. O obxectivo segue a ser o de chegar a reciclar o 40% dos residuos recuperables en 2019”.