A Policía Local reforza a inspección dos locais de hostalaría seguindo as instrucións da Xunta

O 100% dos 18 locais inspeccionados esta fin de semana incumprían as normas establecidas para o mobiliario das terrazas

A Policía Local de Ponteareas realizou este domingo unha inspección de terrazas en 18 locais de hostalaría da localidade para comprobar o cumprimento das normas sanitarias ditadas pola Xunta. Os axentes comprobaron que o 100% dos locais non cumprían coa norma establecida pola administración autonómica que obriga a colocar todas as mesas e cadeiras inutilizando o 50% delas de maneira que tan só se poida utilizar o restante 50%. A maioría dos locais tiñan as mesas distanciadas pero a nova normativa, para facilitar o control do aforo permitido e garantir as distancias, obriga a colocar o mobiliario ao 100% e inutilizar o 50% das mesas e cadeiras con bandas ou adhesivos. Esta obriga tamén se debe cumprir no interior dos locais, neste caso inutilizando o 70% das mesas e cadeiras e permitindo o uso só do 30%.

 

A normativa da Xunta establece de maneira orientativa que en concellos de máis de 20.000 habitantes se deberán realizar dúas visitas semanais por local de hostalaría e realizar unha vixilancia especial nas fins de semana e días festivos.

 

Na inspección realizada onte domingo a Policía Local limitouse a informar sobre a normativa de aplicación esixindo o seu cumprimento aos titulares dos establecementos. Unha vez advertidos, durante os vindeiros días os incumprimentos conlevarán a correspondente denuncia.

 

A Xunta sinala no seu decreto que se poderá solicitar aos concellos información sobre as actuacións de control e inspección realizadas e as denuncias levantadas e a actuación da Policía Local será avaliada dentro dos órganos de coordinación e colaboración policial constituidos para o seguimento da crise sanitaria.

 

O decreto da Xunta habilita á Policía Local para que, no caso de incumprimento das medidas de prevención, de forma directa se suspenda a actividade e se desaloxe e precinten os establecementos.