A Policía Local investiga a dous menores como presuntos autores da queima de varios colectores

Os feitos ocorreron na madrugada do sábado nas rúas Paseo Matutino e Carballos. O Concello agradece a colaboración cidadá para identificar ás presuntas persoas causantes dos danos

 

A Policía Local investiga a varios menores como presuntos autores da queima de varios colectores na madrugada do sábado ao domingo nas rúas Paseo Matutino e Carballos.

 

Pasada as 01.00 horas da madrugada a Policía Local recibiu aviso dun incendio nun colector na rúa Paseo Matutino. Testemuñas presenciais identificaron a un dos presuntos autores dos danos. Apenas media hora despois a Policía Local recibía un novo aviso de incendio doutro colector na rúa Carballos. Novamente testemuñas presenciais identificaron ao mesmo menor que na ocasión anterior e outro máis que, supostamente, terían gravado en vídeo a súa actuación.

 

Nos dous casos foi precisa a intervención dos bombeiros de Ponteareas para extinguir as lapas e evitar danos maiores.

 

En base á descrición achegada polas testemuñas a Policía Local localizou a un dos presuntos autores á saída dun local de ocio nocturno, quen foi identificado e rexistrado. No seu teléfono móbil atopouse a gravación da queima dun dos colectores, na que ademais se recoñecía a autoría dos feitos. Por outra banda, tamén se interveu un acendedor como posíbel instrumento empregado para provocar os lumes.

 

O Concello agradeceu a colaboración cidadá para identificar aos presuntos autores destes feitos que poderían constituír un delito de danos. O Goberno Local lembrou que, malia a limitación de recursos humanos, o Concello está a facer un importante esforzo contando con dúas patrullas con catro axentes nas noites das fins de semana para tentar asegurar o respecto polas normas de convivencia.

 

Nas últimas semanas téñense producido máis actos de vandalismo con desfeitas tanto en bens públicos como privados. “Son actos condenábeis e repudiábeis que, aínda reforzando a vixilancia policial, precisan da colaboración cidadá para a súa erradicación”, sinalan dende o Goberno local.