A Policía Local intensifica o control do uso do cinturón de seguridade

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico informa que ata o 15 de marzo a Policía Local colabora nesta campaña da DGT

A concellería de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, informa que dende onte a Policía Local participa na campaña de control do uso do cinturón de seguridade posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT). Por ese motivo, durante toda esta semana intensificarase a vixilancia en Ponteareas realizando controis específicos.

Co obxectivo de reducir a sinestralidade e tendo en conta os informes de expertos estatais e internacionais relacionados coa seguridade vial que determinan que o cinturón de seguridade é o mellor seguro de vida dun vehículo, a Policía Local súmase ata o día 15 de marzo a esta campaña que concienciará sobre a importancia do uso do cinturón á hora de salvar vidas nos accidentes de tráfico.

As estatísticas da DGT revelan datos como que os 185 falecidos (23%) que no ano 2018 viaxaban en turismo ou en furgoneta e os 305 feridos hospitalizados non facían uso do cinturón de seguridade no momento do accidentes. A DGT explica que a metade dos falecidos (92) terían salvado a súa vida no caso de ter utilizado o cinturón de seguridade.

A Policía Local informa que o uso do cinturón de seguridade reduce nun 77% o risco de falecemento en caso de envorcar co vehículo e diminúe nun 90% o risco de lesións graves no cráneo nos choques frontais ademais de reducir á metade o risco de morte ou feridas graves nos alcances e nun 75% o risco de fracturas e lesións en todo o corpo.

A concellaría recorda á cidadanía que a normativa tamén obriga a levar posto o cinturón de seguridade nos desprazamentos do autobús cando conten con este dispositivo e que non levar o cinturón nos autobuses que o teñan é considerado unha infracción grave que terá que abonar o pasaxeiro.

A Policía Local explica que, a día de hoxe, aínda segue a haber condutores que non cumpren a normativa e que se excusan na proximidade e no percorrido de distancias curtas para non empregalo: “circular a baixa velocidade ou realizar desprazamentos curtos sen cinturón de seguridade non impide sofrer consecuencias graves nun accidente” sinalan.