A Policía Local de Ponteareas lembra que non se permiten encontros de persoas non convivintes en lugares públicos e privados

Estanse detectando incumprimentos en parques públicos, nas inmediacións de cafetarías e bares que serven consumicións para levar e en paseos por rúas e prazas

A Policía Local de Ponteareas lembra á veciñanza que non están permitidos os encontros entre persoas non convivintes en lugares públicos e privados, agás nos supostos permitidos como as reunións de traballo ou actividades educativas.

A Policía Local fai este recordatorio logo de constatar numerosos incumprimentos desta restricción en diferentes lugares da vila como os parques públicos, onde pais e nais interactúan esquecendo as limitacións en vigor. O mesmo acontece en rúas e prazas nas que se observan numerosas persoas non convivintes paseando ou charlando xuntas ou compartindo bancos. A estes casos engádense os corros e grupos que se forman entre persoas que recollen bebidas ou cafés para levar en bares e cafetarías e que os consumen nas inmediacións dos locais incumprindo a normativa en vigor e creando un risco potencial de contaxio. En ocasións compártese espazo para consumir as bebidas e tamén para fumar, o que agrava máis o risco.

A Policía Local tamén lembra que non se permiten os encontros en espazos privados de persoas non convivintes. En consecuencia, durante a vixencia destas normas non son posibeis os encontros nin as visitas aos domicilios doutras persoas, agás nos casos previstos legalmente por razóns moi xustificadas.

 

A Policía Local informa que se intensificarán os controis para evitar estas situacións. “As medidas impostas pola Xunta perseguen reducir o elevado número de contaxios de COVID19 no noso concello e estes comportamentos non axudan a lograr ese obxectivo”, sinala a Policía Local ponteareá que fai un chamamento á responsabilidade e a cumprir as normas voluntariamente sen necesidade de adoptar medidas coercitivas e sancionadoras.