A Policía Local de Ponteareas intervén nunha festa na que participaban 9 persoas non conviventes e sen máscara

Dende o inicio da pandemia a Policía Local formulou un total de 280 denuncias por diferentes infraccións

A Policía Local de Ponteareas intervíu onte domingo nunha festa no barrio de A Quintela, na parroquia de Bugarín, na que participaban nove persoas. Os axentes foron alertados da celebración do encontro nunha casa abandonada. Ao achegarse ao lugar comprobaron que se escoitaba música e balbordo polo que requiriron tamén a colaboración da Garda Civil para maior seguridade.

 

Tras adentrarse na finca e a vivenda a Policía Local descubríu a un grupo de nove persoas, todas sen máscara e realizando botellón e consumindo estupefacentes. Os axentes procederon á identificación e cacheo dos asistentes incautándose de marihuana e hachis.

 

As persoas identificadas foron denunciadas por realizar unha reunión entre non conviventes e sen máscara vulnerando as normas sanitarias actualmente en vigor. Ademais, ás persoas as que se lles incautou os estupefacentes foron denunciadas perante a Subdelegación do Goberno.

 

Na mesma tarde, a Policía Local identificou a outro grupo de tres persoas que foron denunciadas por reunirse sen ser conviventes.

 

Dende o inicio da pandemia, hai case un ano, a Policía Local de Ponteareas formulou un total de 280 denuncias. Entre os motivos saliéntanse o incumprimento da obriga de empregar máscara, o quebrantamento do toque de queda, saltarse o confinamento perimetral e as reunións de persoas non conviventes.