A Policía Local cifra en 600 persoas a afluencia máxima ao botellón

sdr

A plantilla da Policía Local e o concelleiro de Bo Goberno Roberto Mera celebraron onte unha reunión de traballo enmarcada nos traballos de análise do fenómeno do botellón.

Na reunión a Policía cifrou nunhas 500 a 600 persoas as que participan no botellón nas épocas de afluencia máxima, coincidindo con festas ou o verán. A pesares diso, na reunión constatouse unha evolución descendente nos últimos anos no número de participantes pero ao mesmo tempo advertíuse dun incremento substancial no número de menores. A Policía estima que a meirande parte dos asistentes teñen entre 15 e 22 anos.

Aínda que o botellón se concentra na Feira Vella e zonas adxacentes, están localizados até media ducia de puntos a maiores nos que tamén se ten detectado o fenómeno pero cunha afluencia moito menor, que non soe superar as 20 persoas.

O punto álxido de afluencia na Feira Vella prodúcese entre a 1:30 e 3:00 da madrugada pero a Policía explica que os problemas de convivencia con danos ao mobiliario urbano ou bens privados e comportamentos como berrar, ouriñar ou vomitar en portais, se producen especialmente a partires das 3:30 horas cando os participantes no botellón se dispersan e mesturan cos que se atopan no exterior de locais de ocio nocturno. Para a Policía Local, o incumprimento de horarios dos locais de ocio nocturno agrava máis os efectos do botellón e os prolonga por máis tempo.

No encontro analizouse tamén a venda do alcohol a menores en determinados establecementos detectada pola Policía Autonómica e as intoxicacións etílicas que se veñen detectando pola Policía Local.