A partir de mañá e ata o día 22 os colectivos de interese veciñal poderán solicitar a axuda para pequenas obras e investimentos

O Boletín Oficial da Provincia (B.O.P) publica hoxe o anuncio das bases da subvención para investimentos destinada a colectivos de interese veciñal (asociacións veciñais, asociacións culturais e comunidades de montes). O prazo para solicitar estas axudas comeza mañá día 16 e remata o vindeiro 22 de novembro (ámbolos dous incluídos).

Coa finalidade de dinamizar o asociacionismo e colaborar na realización de pequenas obras de interese veciñal ou na adquisición de mobiliario e equipamentos o concello de Ponteareas destinará un total de 10.000€ para os colectivos que non reciben outro tipo de axudas.

Esta liña de axudas súmase aos 306.600€ cos que o concello subvenciona outros colectivos e asociacións.

A axuda económica que se conceda nesta subvención poderá acadar ata o 80% do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 3.000 euros para a realización de obras e de 1.500 euros para dotación de equipamentos.

Os colectivos interesados xa poden consultar as bases e descargar os anexos na páxina web do concello na pestaña “axudas e subvencións” ou directamente neste enlace https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/