A OMIX de Ponteareas desenvolverá un taller de relaxación e control do estrés

O obradoiro é gratuíto e dará comezo o vindeiro mércores 16 de setembro ás 18:00 horas na sala de usos múltiples da Biblioteca Municipal

relaxación-omixA Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ponteareas, dependente da concellería de Mocidade que xestiona Verónica Carrera, desenvolverá ao longo de varios días do mes de setembro un obradoiro de relaxación e control do estrés denominado “Pensando e sentindo en positivo”.

O taller terá lugar na sala de usos múltiples da Biblioteca Municipal, situada na rúa A Perillana número 9, os vindeiros días 16, 21, 23 e 28 de setembro en horario de 18:00 a 20:00 horas.

O obradoiro está dirixido a calquera persoa que desexe aprender a controlar e xestionar mellor as súas propias emocións, de xeito que algúns sentimentos como o medo ou estrés, que poden aparecer en varios momentos ao longo da vida de moitas persoas, non supoñan unha limitación no desenvolvemento da mesma.

Está cientificamente comprobado que a relaxación mellora o rego sanguíneo, distende os músculos, harmoniza a respiración e proporciona unha sensación de benestar, trasladando esa sensación física ao estado psicolóxico das persoas.

Este curso é totalmente gratuíto, tal e como habitualmente acontece coas iniciativas que se desenvolven dende a OMIX de Ponteareas. As persoas que desexen participar nesta actividade deberán inscribirse na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ponteareas, a través do enderezo electrónico: omix@ponteareas.es, ou chamando ao número de teléfono 672 105 468.