A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ponteareas ven de anunciar que ata o vindeiro 8 de abril está aberto o prazo para inscribirse nos Campamentos de Verán de 2015 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
A participación na oferta da Campaña de verán 2015 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás).
Os campamentos son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais. As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto. Podes escoller o campamento que queiras en función da túa idade e das actividades que se leven a cabo nel: de voluntariado nas quendas Implíca-T (novidade nesta Campaña de verán 2015, para os mozos e mozas de 14 a 17 anos) e actividades de diversa temática en función do campamento (náutica, deportiva, ambiental, artística, patrimonial vinculada ao o Camiño de Santiago, científica, agrícola…) Só tes que animarte a participar!
Ademais dos Camapamentos, a Campaña de verán está composta por diferentes áreas de participación, ( Campos de traballo, Actividades de 18 a 30 anos, e Oferta Concertada ) que se desenvolven nos meses de xullo e agosto, tanto en Galicia coma noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.
Para solicitar máis información os interesados poden dirixirse a Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ponteareas situada na Biblioteca Municipal da rúa A Perillana ou chamar ao teléfono 672 10 54 68