A OMIC de Ponteareas consegue a devolución de case 38.000 euros por parte de Cide HC Energía a case 3.000 consumidores e empresas

Trátase do resultado de  4  anos de  traballo por parte da Oficina Municipal de Información ao Consumidor

Un total de 37.984 euros. Esa é a cantidade que a comercializadora de enerxía Cide HC Energía deberá devolver a case 3.000 clientes por cobrarlles, durante máis de tres anos, unha cantidade engadida nas facturas non domiciliadas pola inclusión dunha nova cláusula abusiva non contemplada no contrato cos clientes.

As primeiras reclamacións de particulares que se viron afectados por este cobro chegaron á OMIC de Ponteareas a finais do ano 2011. Foi entón cando a Oficina Municipal de Información ao Consumidor comezou a traballar, mediando coa empresa con cada unha das reclamacións co fin de que eliminase esa cláusula abusiva, deixase de cobrala e devolvese o cobrado aos consumidores ata ese momento. Como a empresa se negou a resolver as reclamacións de xeito amigable, a responsable da oficina tivo que poñer ditas reclamacións en coñecemento do  organismo superior en materia de consumo, o Instituto Galego de Consumo da Xunta de Galicia.  Este organismo acreditou a ilegalidade desta cláusula, polo que, por parte do Instituto abríronsese varios expedientes sancionadores.

Como as sancións que impón a Xunta de Galicia á comercializadora a través do Instituto Galego de Consumo non resarcen aos clientes,  a propia O.M.I.C. puxo en coñecemento do Ministerio Fiscal (Fiscal de Consumidores) a situación que os veciños de Ponteareas estaban a sufrir coa esta comercializadora de enerxía.

O Ministerio Fiscal, apreciando o mesmo que os organismos anteriores, decide tomar medidas e presentar unha demanda contra a empresa en defensa dos consumidores  no Xulgado de Mercantil 1 de Pontevedra. A comercializadora, unha vez tivo coñecemento da demanda,  chegou  a un acordo co Ministerio Fiscal co fin de devolver   aos clientes o cobrado polo concepto reclamado máis o IVE correspondente.

 

Un total de 37.984 euros (IVE incluído) que a compañía deberá devolver a 2.282 clientes residentes nos concellos de Ponteareas, Mondariz, Covelo, Agolada, Salvaterra de Miño e Ponte Caldelas. Tanto a OMIC como a Fiscalía conseguiron, asemade, que a empresa deixara de efectuar este cobro dende o pasado mes de decembro de 2014.

Aqueles consumidores ou empresarios afectados  que aínda son clientes da compañía gozarán dun desconto, que segundo información recibida na O.M.I.C. farase nas vindeiras facturas  e que se corresponderá coas cantidades cobradas de máis polo concepto reclamado. Aqueles clientes que deixaron de selo ao longo deste período poden acudir á OMIC de Ponteareas, situada na Rúa Oriente nº8, segundo andar, ou chamando ao número 986 64 00 00 e marcando a extensión 2211. Nesta oficina municipal informarase de xeito personalizado a cada un dos afectados e do trámite a seguir para os veciños que xa deixaron de ser clientes da comercializadora  ou que cambiaron de domicilio.

Tanto o concelleiro de Consumo, Mario Lago, como o propio alcalde, Xosé Represas, salientaron “o enorme labor que neste e noutros casos se leva a cabo dende a OMIC do Concello, defendendo a moitos veciños de Ponteareas e outros municipios en situacións de vulnerabilidade ante determinadas empresas”.