A nova depuradora de Ponteareas, a un paso de ser realidade

A nova depuradora de Ponteareas, a un paso de ser realidade

 

O Concello aprobará o vindeiro martes en pleno a sinatura do convenio coa Xunta e o Estado para a ampliación e reforma da EDAR da Moscadeira

 

As obras, cun investimento de 11,7 millóns de euros, permitirán solucionar un dos problemas históricos máis graves de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural

 

A nova depuradora de Ponteareas está a un paso de converterse en realidade. O Concello aprobará o vindeiro martes 28 en pleno o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia e o Estado que permitirá levar a cabo as obras de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais da Moscadeira, dando así solución a un dos problemas históricos máis graves da vila, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural.

 

“Con este investimento poderemos acabar por fin cun problema que vén arrastrando a vila dende hai máis de 25 anos, cando entrou en funcionamento a actual depuradora sen capacidade para tratar o caudal que recibía xa daquela, provocando dende o inicio verteduras ao río Tea e as súas consecuentes sancións”, salientou a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, que recalcou tamén que as obras na EDAR serán ademais “imprescindíbeis para poder ampliar o saneamento nas parroquias que carecen del, cunha repercusión moi positiva non soamente para a veciñanza, senón tamén para o medio ambiente”.

 

O convenio contempla un investimento de 11,7 millóns de euros para a execución e explotación destas actuacións de saneamento e depuración, financiados ao 50% polo Estado con fondos europeos, ao 30% polo Concello e ao 20% pola Xunta. Segundo recolle o acordo, a ampliación da depuradora e dos colectores xerais de nova creación que rodearán o casco urbano deberan estar rematados en 2023.

 

Xunto coa ampliación e reforma da EDAR da Moscadeira, as obras contemplan a mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que ata o de agora aumentaban o caudal que recibía a depuradora.

 

Isto suporá un antes e despois para o sistema de saneamento ponteareá, deseñado para pouco máis de 10.000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16.000, traballando por enriba da súa capacidade e provocando verteduras ao río. Coa execución destas obras ampliarase a capacidade de tratamento a 20.000 habitantes, que permitirá rematar cos vertidos e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias.

 

O Goberno municipal está traballando de xeito paralelo no proxecto de nova depuradora para atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que tecnicamente non poden empregar a depuradora da Moscadeira.