A nosa sardiña foise arrodeada dun espectáculo pirotécnico e un profundo pranto


…Eu que son de Xinzo,
son da festa da peixeira.
pero falo deste pobo,
con cariño, sen xenreira.
Gustame ver tanta xente
neste acto, laico e festivo.
Dice muito do presente,
deste pobo, que está muy vivo!!
Un pobo cheo de familias
e cheo de rapaciada…

Así comezaba a lectura do testamento ao que “Rodri de Pías” deu lectura onte na Praza Maior arrodeado dun numeroso público que medra, ano tras ano, e que quere ser partícipe desta tradición galega. Viúvas e viúvos choraron á sardiña que resucita e morre cada entroido para agasallarnos un testamento cheo de recados que salientan o feito e o que está por facer.

Trasladados os recados, a nosa sardiña bríndanos a oportunidade de celebrar o seu pasamento cun bo pranto.

A defunta foise arroupada tamén por un novidoso espectáculo de pirotécnia á altura da importancia da finada.

Rematou así o entroido de Ponteareas e o goberno quere agradecer a alta participación de toda a cidadanía e a implicación dos máis de 800 participantes nas comparsas, das charangas, das empresas colaboradoras e do persoal municipal que fixeron posible estes días de lecer, festa e tradición.