A música de Rogelio Groba e a poesía de Alfonso Pexegueiro chegan a todas as bibliotecas e centros culturais de Ponteareas

O Concello de Ponteareas amplía os fondos bibliográficos dos seus centros culturais ao tempo que divulga as persoas creadoras locais.

O municipio ponteareán, a través da súa Concellaría de Cultura, está a levar adiante unha campaña de distribución e divulgación de propostas bibliográficas que el mesmo editou ou nas que colaborou durante os últimos meses. Todos os colexios, institutos e centros culturais recibirán, nas próximas semanas, entre outras obras, dúas que el mesmo editou en colaboración coa Deputación de Pontevedra:

· Viaxe á illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro (autor natural da parroquia de Angoares). Inclúe tamén un DVD coa versión teatralizada do libro así como diferentes arquivos audiovisuais vinculados con ela.
· Rogelio Groba. Os acordes da natureza, de Fernanda Flores (secretaria da Fundación Rogelio Groba). Este libro inclúese dentro da colección “Creadores pontareáns” e repasa a biografía do mestre e compositor gulansés no 90 aniversario do seu nacemento. Leva incorporado un CD cunha pequena mostra das pezas musicais del.

Así como tamén contarán co audiolibro ilustrado, inspirado na vida do mestre Rogelio Groba -O neno Groba e Música-, que editou a propia Fundación Rogelio Groba.

“Con esta iniciativa, o Concello de Ponteareas mantén o seu compromiso coa súa cultura ao tempo que segue a fomentar e a apostar pola creación e pola lingua propias, así como polo do coñecemento dos seus e das súas artistas” sinala o edil de Cultura Fernando Groba.