A música de cámara encherá Ponteareas na novena edición do Festival Groba que comeza este sábado

 

As entradas para as oito actuacións programadas son de balde e deben ser adquiridas a través da plataforma eventbrite

O Concello destaca que este evento “xa forma parte do noso ADN e democratiza a alta cultura” para converter á vila na capital galega desta especialidade musical

 

Este sábado Ponteareas volverá a ser a capital galega da música de cámara. Comeza a novena edición do Festival Groba, en homenaxe ao recoñecido compositor ponteareán Rogelio Groba, polo que pasarán músicos de gran prestixio internacional, como Federico Colli, Quatuor Mona, e Simone Porter,  e a Orquestra de Cámara Galega presentará pezas inéditas, como unha composta por Rogelio Groba.

 

As entradas para as oito actuacións programadas son de balde e deberán ser adquiridas a través da plataforma eventbrite. Para a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, este festival “xa forma parte do ADN de Ponteareas e democratiza a alta cultura levando a música ás rúas”. Palabras que secundou o director artístico do Festival Groba, Rogelio Groba Otero, afirmando que “Ponteareas é a vila das flores do Corpus, pero tamén das flores sonoras”. 

 

O vindeiro sábado comezará o festival ás 21.00 horas na praza Doutor Fernández Vega co concerto inaugural. Laura Lorenzo á frauta, e a Orquestra de Cámara Galega musicarán obras de Handel, Stamitz, Bach, Telemann e Rogelio Groba. 

 

O domingo o festival ofrecerá dúas actuacións. Ás 11.00 horas no convento de Canedo os recoñecidos músicos Federico Colli e Quatuor Mona darán vida ás partituras de H. I. Biber, Andrew Norman, e Mozart. E pola noite, ás 21 horas no Auditorio Municipal, Colli e Quatuor Mona musicarán a Mozart, e a M. Ravel.

 

O luns ás 21.00 h, no Auditorio Municipal, Federico Colli e Quatuor Mona volverán á escena para interpretar a Germaine Tailleferre, a J. Widmann, e a J. Brahms. O martes ás 21.00 horas no parque da Feira Vella será a quenda de Simone Porter e a Orquestra de Cámara Galega cun espectáculo que inclúe melodías de Boccherini, Vivaldi, Williams, Rakov, Komitas e Rogelio Groba. 

 

O mércores ás 21.00 horas volve a música ao mosteiro de Canedo co concerto homenaxe a Schubert de Quatuor Mona e Kyril Zlotnikov. O xoves ás 21.00 horas no Auditorio Municipal, Porter, Colli, e Kyril Zlotnikov, musicarán a Mozart e a Shostakovich. Ademais, durante este espectáculo, celebrarase a cerimonia de entrega do Premio á Excelencia na Docencia Musical ao profesor Jesús González. 

 

Finalmente, o venres 20 ás 21.00 horas, o Festival Groba deixará de soar ata o ano que vén cun concerto de clausura no que participarán Spyros Fakiolas, Alba Reirís, a Orquestra de Cámara Galega, e Rogelio Groba Otero. Entre as pezas que se musicarán hai obras Mozart, Danzi, Brahms, Dvorak, Piazzolla, e de Rogelio Groba, entre elas unha inédita do compositor ponteareán que xa acumula 721 compostas. 

 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, explica que no Concello “estamos moi contentos coa boa acollida do Festival”, e avisa que o aforo está completo o sábado, o domingo pola tarde, e o luns. Soamente quedan prazas libres o domingo pola mañá (30 prazas), o martes (100 prazas) e os dous últimos días (que abren hoxe a reserva).