A “Muiñada de Outono” da tapería “O Muíño” gaña a terceira edición de Bocados de Outono

dav

A Concellería de Comercio, Hostalería e Consumo, que dirixe Inés Vidal, entregou o galardón ao establecemento responsable da tapa gañadora da terceira edición de “Bocados de Outono”.

Cunha puntuación media  de 9,49 puntos a tapa “Muiñada de Outono” resultou gañadora desta edición de  “Bocados de Outono” ao conquistar o paladar do público participante.

Deste xeito, Rocío Quintas responsable da tapería O Muíño e creadora da tapa gañadora recibiron da man da Concelleira de comercio o galardón que recoñece o seu esforzo e bo facer. 

Esta orixinal lasaña de chourizo e castañas soubo facerse co paladar dos e das participantes. 

Dende O Muíño animan ao resto da hostalería ponteareá a participar en vindeiras edicións. “Agradecemos a confianza da clientela que valorou positivamente a nosa proposta culinaria e convidamos ao resto da hostalería a sumarse a Bocados de Outono”. 

“Agradecemos, un ano máis, ao público o seu apoio e dámoslle as grazas por participar neste roteiro gastronómico que medra en número de días e de participantes, consolidándose como unha cita fixa na axenda de todos os veciños e veciñas da área metropolitana”.

Inés Vidal fai un balance moi positivo desta última edición, enmarcada na programación da Feira de Outono, que vendeu preto de 5.000 tapas e pinchos despertando o interés dos visitantes na gastronomía de Ponteareas.

Vidal adianta que estudará coa hostalería de Ponteareas a organización de novos roteiros gastronómicos en distintas tempadas do ano.