A moción relativa á Área Metropolitana foi aprobada sen votos en contra

pleno-de-organización-2A proposta presentada contaba co consenso previo acadado entre os grupos municipais do BNG, PSOE, e Mixto (A Riada do Tea e EU-Son) e foi aprobada en pleno coa abstención de PP e ACiP

 

A sesión plenaria de ordinaria de onte, martes 19 de xaneiro, serviu para que a moción relacionada coa adhesión do Concello de Ponteareas á Área Metropolitana de Vigo, cuxo contido foi consensuado previamente polos grupos municipais de BNG, PSdG-PSOE e Mixto (formado por A Riada do Tea e EU-Son), saíra adiante sen contabilizar ningún voto en contra, grazas aos votos a favor dos partidos previamente mencionados e á abstención dos grupos municipais de ACiP e do PP.

 

O texto aprobado manifesta “a vontade do Concello de incorporarse á Área a partir do momento de constitución da mesma para participar dende o inicio na toma de decisións”. A proposta tamén recolle como unha das prioridades a incorporación ao transporte público na área metropolitana no menor prazo posible.

 

Este documento, que lle será enviado de inmediato ao presidente da Xunta de Galicia, ao alcalde de Vigo e ao Director Xeral da Administración Local, especifica que Ponteareas “participará naqueles servizos da Área que lle sexan de interese, tomando as decisións que correspondan en cada caso”, así como a consideración de que “o financiamento debe realizarse en base aos habitantes de cada concello”.

 

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, valorou “moi positivamente que a proposta saia do pleno sen votos desfavorables, pois permitirá defendela con máis forza diante das institucións competentes e amosa que todos os grupos da corporación valoran a importancia de adherirse a un ente supra municipal do que non podemos quedar marxinados”. A concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, declarou “que este é un tren que Ponteareas non pode volver a perder e o novo goberno local garantirá que non se perda”.

 

A revisión catastral, unánime

 

A proposta do goberno na que se insta á Dirección Xeral do Catastro, dependente do Ministerio de Facenda, a realizar unha revisión e redución dos valores catastrais do municipio, foi aprobada por unanimidade. No caso de ser atendida a petición, o 1 de xaneiro de 2017 comezaría a aplicarse o correspondente coeficiente redutor aos bens inmobles do Concello de Ponteareas.

 

A formulación da mesma basea o seu sentido en que “os actuais valores catastrais foron no ano 2009, momento no que se fixo a última revisión e no que se tomaron como referencia os prezos medios da vivenda nun momento no que as cifras eran moito máis elevadas que na actualidade como consecuencia da burbulla inmobiliaria”, sinalou Represas. Aquela revisión supuxo unha revalorización dos valores catastrais e provocou un elevado incremento sobre o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI).

 

Coa nova revisión dos valores e a súa consecuente redución, “a factura que unha familia paga este ano 2016 polo Imposto de Bens Inmobles podería verse rebaixada entre un 10% e un 15% a partir do vindeiro ano 2017, segundo as cifras que estimamos dende o Concello”.

 

Son compatibles

 

Vanesa Fernández, concelleira de Seguridade Cidadá, Mobilidade e Sanidade; e Manuel Troncoso, concelleiro de Servizos Sociais e Medio Rural teñen plena compatibilidade para exercer os seus labores de concelleiros con asignación a tempo parcial e as súas respectivas ocupacións profesionais, tamén na Administración Pública.

 

O Partido Popular pediu unha comparecencia do concelleiro de Persoal ou do propio alcalde respecto da compatibilidade destes concelleiros para exercer como tales ademais de seguir desempeñando o seu labor como funcionarios noutras Administracións Públicas. As intervencións do alcalde, do concelleiro de Persoal, e dos propios Manuel Troncoso e Vanesa Fernández aclararon completamente a situación.

 

A primeira dúbida que o grupo popular tiña é a seguinte: son postos compatibles?

 

Segundo o artigo 5 da Lei 53/1984, de 26 de decembro, de Incompatibilidades de Persoal ao Servizo das Administracións Públicas, “os membros das corporacións locais, salvo que desempeñen nas mesmas cargos retribuídos en réxime de dedicación exclusiva, poderán compatibilizar as súas actividades co desempeño dos cargos electivos”. Ademais a Lei 7/1985 do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local establece que “nos supostos de membros da corporación local en situación de dedicación parcial poderanse percibir retribucións por tal dedicación, sempre que a desempeñen fóra da súa xornada de traballo na Administración”. É dicir, si son compatibles.

 

A segunda dúbida era a seguinte: deben pedir permiso para compatibilizar as dúas actividades?

 

Dado o exposto anteriormente e segundo o informe do asesor xurídico municipal, “non é necesaria a declaración de compatibilidade, respecto das actividades que os interesados realicen fóra do horario da súa dedicación, xa que a lei o que establece nestes casos de dedicación parcial, é unha incompatibilidade horaria, sen outro requisito”.

 

Ámbolos dous concelleiros comunicaron , tal e como establece a normativa, o exercicio da súa actividade como edís nas súas respectivas administracións.