A mocidade prepárase para afrontar con seguridade sucesos e previr riscos innecesarios

A concellería de Seguridade Cidadá que dirixe Vanesa Fernández imparte nos centros educativos charlas sobre primeiros axulios e prevención de incendios en colaboración cos bombeiros de Ponteareas.

Ao longo da sesión o alumnado recibirá clases teóricas e prácticas nas que aprenderán a inmobilizar a un accidentado, a reanimar ante unha parada cardio respiratoria ou  a desbloquear a un atragantado entre outros conceptos básicos dos primeiros auxilios. 

Os bombeiros ademais de explicarlles as normativas, ofrecerlles consellos e dar formación e información, sitúan ao alumando en casos prácticos facéndoos aplicar na práctica os coñecementos adquiridos na teoría. 

A clase complétase con información útil sobre como evitar un incendio e como reaccionar ante os mesmos. Os bombeiros trasladan aos participantes pequenas actividades e accións da vida diaria que poden supoñer un risco de incendio, malas prácticas no manexo de aparellos eléctricos e electrónicos e reaccións pouco axeitadas en momentos de pánico. 

Non sobrecargar “ladróns” eléctricos, non colocar roupa nos radiadores, como apagar o lume dunha tixola, pechar as portas para que non se propague máis un incendio, nunca tirar da lingua cando socorremos a alguén, como colocar a cabeza para evitar asfixias… e un sinfín de ferramentas que contribuirán a desenlaces máis felices en caso dun suceso. 

“Saber actuar axeitadamente nos primeiros minutos é fundamental para salvarlle a vida a unha persoa. Saber como protexerse antes de auxiliar. Desbotar malos costumes nas tarefas diarias. Coñecer as normativas e saber atender primeiro a unha emerxencia e logo á urxencia… son pequenas nocións que evitarán riscos innecesarios e axudarán en momentos críticos. Formar e preparar á mocidade é fundamental”, explica Vanesa Fernández.

A concelleira agradece o traballo dos bombeiros e a súa profesionalidade no desenvolvemento das sesións.