A mocidade colle agulla e dedal para mergullarse na costura de supervivencia

O programa Mocidade Viva trae un novo curso este venres 23 ás 20.00 h no Parque da Feira Vella. Inscricións en mocidadeviva@ponteareas.gal

A mocidade colle agulla e dedal para mergullarse na costura de supervivenciaAprender a coser o imprescindíbel para sobrevivir ao día a día. Ese é o obxectivo do novo obradoiro do programa Mocidade Viva, un curso de costura de supervivencia no que os rapaces e rapazas participantes poderán achegarse en pouco tempo ás técnicas básicas dun xeito práctico. Unha nova iniciativa formativa que o Concello organiza “co obxectivo de ofrecer á mocidade ponteareá unha programa estábel de actividades lúdicas e formativas sempre cunha temática variada e atractiva que dea resposta aos seus intereses”, como explica o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

O obradoiro, de balde, celebrarase o vindeiro venres 23 de setembro a partir das 20.00 horas no Parque da Feira Vella. Dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos, as persoas interesadas en participar poderán solicitar máis información ou realizar a súa inscrición enviando un correo electrónico a mocidadeviva@ponteareas.gal.

A través deste curso, os e as participantes achegaranse de xeito ameno a algúns principios básicos da costura para poder realizar elas e eles mesmos pequenos arranxos como colocar unha cremalleira, coser un botón ou coller os baixos a un pantalón. “Con este e outros obradoiros e actividades ofrecemos a rapaces e rapazas espazos de lecer e socialización saudábeis a través de iniciativas lúdicas e divertidas, pero tamén didácticas e que fomenten novos valores”, salienta o edil.

Miguel Bouzó convida a toda a rapazada a participar neste novo obradoiro, así como en todas as actividades que o Concello organiza ao abeiro do programa Mocidade Viva.