A Mesa Local de Violencia de Xénero reactiva a súa intensa coordinación tras a crise sanitaria

A Mesa Local de Violencia de Xénero reactiva a súa intensa coordinación tras a crise sanitaria

 

Administracións e servizos implicados abordaron neste encontro as novas situacións detectadas tras o confinamento durante a pandemia

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, presidiron este martes o primeiro encontro da Mesa Local de Coordinación de Violencia de Xénero tras a crise sanitaria, co que se buscaba reactivar a coordinación estable entre administracións e servizos implicados na intervención que permita paliar os danos desta problemática. Trátase dunha mesa de colaboración transversal integrada por representantes dos servizos sociais do concellos da comarca atendidos polo Centro de Información para a Muller (CIM) de Ponteareas, do Equipo de Muller-Menor da Garda Civil (EMUME), da Garda Civil, do Ministerio Fiscal e da Subdelegación do Goberno. O obxectivo é conseguir unha coordinación fundamental neste eido, “xa que conseguir unha boa coordinación entre os diferentes organismos, especialmente no momento da intervención, é o único xeito de garantir que o procedemento a seguir sexa eficaz”, sinalaron a rexedora e a edil.

 

Un dos puntos abordados durante este encontro foron as situacións vividas nos diferentes departamentos durante o confinamento estrito da veciñanza e as consecuencias que se foron detectando durante a reapertura e paulatina volta unha situación de maior normalidade.

 

A Mesa Local tamén avaliou as medidas propostas na última reunión e fixo balance de todas as levadas a cabo, como a creación do Protocolo interinstitucional para a mellora da atención integral en casos de violencia machista no concello de Ponteareas, que xa se pode consultar na web municipal.