A maxia asolagada de Mar Míguez enche de vida unha nova sesión do ciclo ‘Abril, mes do libro’

A poeta das Neves estará este venres 14 na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas para presentar o seu último poemario

A maxia asolagada de Mar Míguez enche de vida unha nova sesión do ciclo ‘Abril, mes do libro’Un libro profundamente intimista e unha fiestra que abre o seu eu máis íntimo ao mundo. Así é A maxia asolagada, a última obra de Mar Míguez, libro que recolle arredor de 50 poemas e microrrelatos e que este venres 14 de abril presenta en Ponteareas ao abeiro do ciclo ‘Abril, mes do libro’.

O público poderá coñecer da man da autora a esencia dun libro que busca contar historias de vida, un camiño que pon en valor as cousas que importan e que remata sendo un camiño de crecemento persoal. Nos poemas poden recoñecerse sentimentos como a soidade, a nostalxia, a infancia perdida, o amor, o paso do tempo… pero tamén se descubre a satisfacción que produce a contemplación das pequenas cousas ou a admiración que se sinte polo propio.

Mar Míguez descubriu a poesía sendo moi nova da man de Pablo Neruda e os seus Veinte poemas de amor y una canción desesperada. A través dos poemas atopa unha fermosa forma de amosar ao mundo as súas emocións e comprende que o seu camiño e o da poesía nunca volverán separarse. O seu obxectivo non é unha métrica perfecta, é un belisco directo ao corazón.

A presentación terá lugar ás 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. O acto será de balde, con entrada libre ata completar aforo. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a todas e todos os ponteareáns a participar nesta nova sesión de presentación do ciclo ‘Abril, mes dos libros’. Con este ciclo literario o Concello de Ponteareas busca conmemorar o Día Internacional do Libro do vindeiro 23 de abril achegando á veciñanza a escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila.