A marcha nórdica mantense a bo ritmo en Ponteareas

A marcha nórdica mantense a bo ritmo en Ponteareas

O Concello rematou dúas sesións técnicas de iniciación en Prado e organiza dúas novas saídas os domingo 23 e o sábado 29 de abril

A marcha nórdica avanza a bo ritmo en Ponteareas. Cerca de vinte persoas participaron nas últimas dúas sesións de iniciación de aprendizaxe da técnica postas en marcha polo Concello que se celebraron a pasada fin de semana en colaboración coa Asociación Cultural San Nicolás na Casa Cultural de Prado. “É unha forma de poñer a disposición da veciñanza unha ferramenta sinxela e ao alcance de todas as persoas que pode axudar a cambiar hábitos e a levar unha vida menos sedentaria”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Trátase dunha iniciativa deportiva apta para todas as idades, algo que quedou patente nas últimas sesións técnicas, nas que participaron veciños e veciñas dende os vinte anos ata os 70. As persoas interesadas en participar nestas actividades técnicas deberá poñerse en contacto coas asociacións das diferentes parroquias nas que se van celebrando e inscribirse, xa que se facilita ás e aos participantes os bastóns de marcha nórdica. Ata o momento xa se realizaron as xornadas en Areas, Arcos, Xinzo e Prado.

Xunto ás sesións formativas, o Concello organiza dúas saídas mensuais de marcha nórdica aberta a todas as persoas que participaron na parte técnica e a aquelas que teñen unhas nocións básicas e contan cos seus propios bastóns. A seguinte será o vindeiro domingo 23 de abril cun percorrido de 5,5 quilómetros de dificultade baixa e sen desnivel, unha ruta circular por superficie natural e asfalto con saída ás 10.30 horas da Casa Cultural de Prado.

Para as veciñas e veciños máis en forma haberá ruta o sábado 29 de abril, un percorrido circular cunha dificultade xa media-alta e con desnivel dun total de 8 quilómetros. Neste caso o lugar de encontro será tamén a Casa Cultural de Prado ás 16.45 horas, con saída ás 17.00 horas.

A alcaldesa anima a toda a veciñanza a participar nas novas sesións e saídas que se van a desenvolver ao longo de todo o ano e das que se irán informando a través das parroquias e da web e das redes sociais do Concello.