A Ludoteca Municipal de Ponteareas móvese durante o verán

Obradoiros relacionados co medio ambiente, con traballos manuais e con diferentes modalidades de xogo ocupan o tempo de decenas de cativos no municipio

Un total de 52 mozos e mozas de entre 6 e 14 anos reservaron matrícula para o mes de xullo, pero aínda quedan prazas dispoñibles

ludoteca-apicultura-2A Ludoteca Municipal do Concello de Ponteareas, dependente da concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade xestionada por Verónica Carrera, funciona a pleno rendemento nestas primeiras xornada da época estival.

Nenos e nenas de entre 6 e 14 anos gozan estes días de diversas actividades destinadas a fornecer as súas habilidades sociais e a súa capacidade de convivencia, ao mesmo tempo que favorecen a conciliación laboral e familiar dos seus pais e das súas nais.

Un dos primeiros obradoiros postos en marcha este verán na ludoteca está relacionado co medio ambiente e co coidado do entorno natural. Os mozos asistentes teñen a oportunidade de aprender rutinas de reciclaxe e de identificación de residuos, as cales lles permiten tomar conciencia dos recursos naturais e do ecosistema presente na zona. Estas actividades están acompañadas de andainas nas que os rapaces de maior idade entran en contacto directo co patrimonio natural da vila, visitando diferentes parroquias do municipio e coñecendo de primeira man parte do contorno do río Tea.

Sen ir máis lonxe, o pasado venres, 3 de xullo, estes mozos e mozas pasearon pola beira do río Tea ata a Ceña de Angoares, cruzando posteriormente o río polo paso e continuando por debaixo do parque da Bouza Vella de Ganade ata A Porteliña, e dende alí ao Puño, na parroquia de Cristiñade.ludoteca-apicultura-1

Alí os rapaces coñeceron a Pablo Alarcón e a Marta Groba, que recibiron no pasado ano 2014 o Premio ao “Mellor Mel Monofloral da Península Ibérica e Illas”.  Estes expertos explicaron todo o proceso de coidado das abellas e da produción do mel. Os nenos puideron mesmo poñerse traxes de apicultor e acudiron ás colmeas para ver unha abella raíña e distinguir ás obreiras e aos abellóns.

Unha das principais razóns de ser da ludoteca está vinculada á aprendizaxe por parte dos rapaces e das rapazas de valores e regras a través da práctica de diferentes xogos. Actividades de presentación, de desinhibición e desenvolvemento de traballos creativos son algunhas das medidas que dende este centro municipal se tentan potenciar.

Ao longo das vindeiras semanas levaranse a cabo obradoiros de repostería e cociña, de expresión corporal e musical, ademais de xogos pre deportivos. Os grupos de traballo divídense en función das idades dos nenos e das nenas. Todos eles son moi reducidos, o que permite que os monitores poidan ofrecer unha atención moi personalizada. Un total de 52 nenos están matriculados para realizar actividades ao longo deste mes de xullo, pero segue habendo prazas dispoñibles, polo que todas aquelas familias interesadas poden informase chamando aos números de teléfono 986 661 753 ou 619 216 162.