A ludoteca de Ponteareas volve abrir as súas portas en outubro

 

As familias que o desexen poden anotar aos nenos e nenas de seis a 12 anos

 

A ludoteca municipal está de volta. Volve abrir as súas portas para un mes de outubro cheo de xogos e diversión. As familias de Ponteareas que o desexen poden anotar aos nenos e nenas de 6 a 12 nas instalacións da ludoteca na Avenida de Castelao de 09.00 a 15.00 horas, enviando un correo electrónico a ludoteca@ponteareas.es ou no teléfono 673 79 47 60. O servizo municipal traballa sempre con grupos pequenos e cumprindo con todas as medidas de prevención dada a situación sanitaria. A ludoteca estará aberta pola tarde e cada grupo terá dúas horas á semana.

 

Para a inscrición é imprescindíbel achegar fotocopia do DNI de pai/nai ou titor/titora do menor; fotocopia do DNI da nena ou neno usuario da ludoteca; fotocopia do libro de familia e os impresos que se proporcionan na ludoteca, que deben entregarse cumprimentados e asinados. 

 

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, anima á veciñanza a inscribir aos cativos e cativas na ludoteca municipal para que “desfruten de tardes activas, divertidas e tamén educativas”. A programación inclúe xogos, repostería e cociña, manualidades, expresión corporal e musical, saídas… e unha chea de actividades coas que os nenos e nenas poderán pásalo ben despois de saír do colexio. 

 

A ludoteca municipal é un espazo lúdico e educativo que dende 1998 ofrece unha ampla variedade de actividades de lecer nas que as nenas e nenos son os protagonistas. Sempre cunha atención personalizada e de calidade onde o benestar da infancia é o fundamental.